De nena visitei moitas veces Portomarín; non o vello, claro está, que fora somerxido 10 anos antes de nacer eu, senón o novo, co seu embalse e o engado misterioso dun pobo mergullado. Ao meu avó gustáballe moito ir, e creo que tiña sobre todo que ver con aquel mundo oculto nas augas que quizais evocaba nel a súa propia aldea abandonada, á que podía volver, mais non como fora cando el a habitaba. Quen deixou atrás a casa da nenez leva sempre en si un mundo mergullado.
Pois o caso é que agora, grazas á realidade virtual, algúns dos vellos habitantes que viron asolagar as rúas e casas da súa infancia puideron vivir a experiencia de sentirse transitar polas súas rúas, de volver ver, coma unha pantasma que se erixe no ar, á casa do seu avó. Seica en grande medida a reconstrución virtual foi posible grazas ás 40000 fotos atesouradas por un daqueles nenos, José López -Pepe Pereira-, quen tivo o lóxico privilexio de ser o primeiro en probar os lentes de realidade aumentada.
Unha daquelas veces que fomos a Portomarín as augas ían moi baixas e vila quedara case descuberta. O meu avó teimou en baixar, en achegarse canto puido para ver aquel vello Portomarín que emerxía e que axiña habiamos perder de novo. O escritor Roberto Arlt deu formulación literaria á desacougante teoría de que o que destruímos é o que máis prendido queda da nosa existencia. As nosas vilas asolagadas semellan corroboralo: a súa existencia espectral non abandona aos que as habitaron, mais tampouco aos demais, como reveladoras de algo de nós, por iso as revisitamos na literatura, no cinema, nos soños e, agora tamén, no universo virtual. Creo que moitas persoas quereremos experimentar ese transitar que nos transportará no tempo, e que a cada unha nos espertará resonancias persoais e propias, mais a todas a conciencia de como todo o cambia o tempo, tamén a nós.