Os novos rostros dos ministerios

LUGO

21 nov 2023 . Actualizado a las 17:13 h.

Irmos coñecendo os rostros das novas ministras e ministros é algo así como irmos abrindo as caixiñas dun almanaque de advento. Ata se achegan en número. Hai esa caixiña na que aparece o mesmo do ano pasado; aqueloutra que supón unha novidade e, por suposto, unha que se reserva para a sorpresa final.

O caso é que, neste particular calendario, hai máis rostros de muller ca de home, comezando polas catro vicepresidentas. A presenza das mulleres na política estatal, que, sen dúbida, coñeceu un punto de inflexión co goberno de Rodríguez Zapatero, vaise consolidando aos poucos. Algúns dos ministerios máis determinantes para deseñar o noso futuro son os que ocupan, precisamente, Pilar Alegría, Diana Morant, Teresa Ribera ou Sira Rego.

A política é unha engrenaxe complexa e cada área, cada parcela, xera un enorme volume de traballo que irradia piramidalmente ata as bases, da Ministra de Educación ata a mestra da última e máis remota escola unitaria, as persoas que limpan esa escola e as que transportan os cativiños cada mañá para poderen chegar ata ela. Mais aí, nese rostro que asume a máxima responsabilidade, concéntranse as esperanzas e os temores. Sen saírmos do eido da educación, a implantación dunha nova lei educativa que aínda está en proceso, a modificación das probas ABAU ou os desafíos dunha sociedade complexa que se reflicten cada día nos centros educativos.

A piques de iniciarmos un novo ano, esta estrea de rostros semella unha xanela aberta cara ao futuro, malia o ruído que o envolve todo. Rostros, hoxe sorrintes nas páxinas dos xornais, que terán que afrontar a crueza da batalla política, que en nada ten que envexar a dos antigos gladiadores romanos. E farano, semella, no medio do son e a furia, eses dous elementos dos que xa falaron Shakespeare e Faulkner. Que degoiros de acougo! Que necesidade dun pouco de silencio!