O dicionario da Real Academia Galega achega, sobre “garañón”, a seguinte información morfolóxica e definición: (substantivo masculino) Cabalo ou asno semental. Despois, engade o seguinte exemplo: “Mercaron un excelente garañón na feira de Silleda”. Descoñezo por que o polémico edificio de Lugo se denominaba así, ou quen tivo a feliz idea; mais, dada a súa ubicación e a súa frustrada historia, o asunto acabou adquirindo unha fasquía que non semella que poida ser froito da casualidade.
Ao carón do centro histórico, obstaculizando a vista sobre o río do parque máis emblemático da cidade, que leva nada menos que o feminino nome de Rosalía de Castro, alguén tivo a ocorrencia de erguer unha torre fálica, un “garañón” que lucía, con prepotencia, a súa condición de semental, arruinando unha das mellores panorámicas coas que contamos. Todo isto ten unha potencia simbólica dificilmente igualable. A demolición converteuse, en certo xeito, no éxito dun clamor colectivo que fracasara noutros intentos semellantes: non fomos quen, por exemplo, de evitar o derrubamento do Gran Teatro (poida que porque derruír é máis irreversible que construír, como a propia historia do Garañón demostra) mais si puidemos aplacar o cabalo desbocado que nos furtaba o horizonte.
Esta paisaxe recuperada e reconquistada con tempo e esforzo gústame imaxinala como unha vitoria de Rosalía, coma un triunfo dos pequenos e humildes que tamén, ás veces (aínda que sexa esporadicamente), poden imporse sobre os grandes e poderosos. Porque en cada lucense que transita por este punto, percorrendo o parque e achegándose ata aí onde as costas, co seu suave devalar, se debruzan cara ao río, hai unha pequena vitoria da natureza sobre a prepotencia humana, da beleza sobre o lucro económico, do interese colectivo sobre a cobiza. Agora é, sen dúbida, un espazo noso. Cómpre preservalo. Está cheo de significado e simbolismo.