A luz dunha estrela

LUGO

05 dic 2023 . Actualizado a las 19:15 h.

A semana pasada a Universidade de Santiago acolleu o Congreso anual da SEDLL e Guadalupe Jover foi a encargada da conferencia inaugural. O certo é que sempre sentín unha enorme afinidade co seu xeito de entender a transmisión do goce pola lectura. Como docente, sempre me resistín á idea de libro obrigatorio, coido que hai que acompañar o perfil lector do alumnado e que os libros se achegan e se ofrecen, mais non se prescriben. Como di Pennac, o verbo ler non soporta o imperativo. Nunha coñecida conferencia, o escritor Jordi Sierra i Fabra afirmou algo tan contundente como “ler salvoume a vida, escribir deulle un sentido”. Eu acredito firmemente nese enorme poder da literatura para acompañarnos, para consolarnos, mesmo para salvarnos. Compartilo e transmitilo é emocionante e fermoso.

Na súa conferencia inaugural, Guadalupe Jover sacudiunos con outras citas desas que sobrecollen. Citando a Rodari lembrounos por que debemos introducir a escrita de intención literaria nas aulas: “non para que todos sexan artistas, senón para que ningún sexa esclavo.

Na cea do congreso, tiven o privilexio de sentar con ela e compartimos unha delongada conversa na que puidemos intercambiar experiencias das aulas e da vida. Ás veces, os grandes profesionais constrúense sobre grandes persoas. Clausurado o congreso, vou procurar de contado a Carta a unha mestra, na que os nenos da escola de Barbiana tiveron a afouteza de expresaren por que se sentían humillados e pouco recoñecidos na súa variante lingüística e nos seus saberes tradicionais. Coido que ten moito que ver con nós, coa nosa historia de represión cultural. A escola debe ser o lugar no que, desde o fondo respecto polo que é cada un e cada unha, se abran camiños (ou, como lles chamou primeiro Guadalupe, constelacións), o espazo no que se convida a erguer a ollada cara ás estrelas.