A Apalpadora de Lugo visitará a provincia

la voz LUGO

LUGO

Presentación coa Apalpadora e a deputada Iria Castro
Presentación coa Apalpadora e a deputada Iria Castro CEDIDA

A área de Cultura da Deputación programa un espectáculo con 25 asociacións lucenses

09 dic 2023 . Actualizado a las 20:29 h.

A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, anunciou unha nova edición do programa de visitas da Apalpadora a 25 asociacións da provincia de Lugo que puxo en marcha a Vicepresidencia da Deputación. Este proxecto naceu co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal e ofrecer a nenas e nenos unha proposta de lecer en galego nestas datas.

A Apalpadora acompañou á deputada na presentación desta actividade que comezou este domingo 10 no Vicedo, e rematará o 30 de decembro tras pasar polos concellos de Viveiro, Pol, Foz, Guitiriz, Cospeito, Lugo, Vilalba, Samos, Monterroso, O Saviñao, Mondoñedo, Castro de Rei, Cervantes, Láncara, Castroverde, A Pontenova e Riotorto.

A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, será a encargada de presentar ás crianzas esta personaxe, un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.

A súa historia transmitiuse a través da tradición, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán. Na última década, asociacións e colectivos culturais de distintos puntos de tomaron a iniciativa para recuperar este personaxe e as lendas e ritos que a rodean.

Iria Castro destacou que se trata dun calendario de visitas que nace «co obxectivo de achegar a nenos e nenas esta figura do Nadal galego e a súa historia» e valorou «a oportunidade que esta personaxe ofrece para reivindicar as nosas tradicións e tamén valores ligados ao coidado do territorio».

Este é o calendario de visitas

  • Este luns 11 estará en Viveiro.
  • O xoves 14, en Foz.
  • O luns 18, en Cospeito, no CPI Plurilingüe Virxe do Monte; e en Lugo coa ANPA do CEIP Illa Verde no Auditorio Gustavo Freire ás 18 horas.
  • O 19, en Vilalba, co CEIP Terra Chá na Aula Multiusos.
  • O 21, en Samos, no CEIP de Samos: Comedor Escolar.
  • O 22, en Monterroso, no Centro Sociocultural ás 17.00 horas.
  • O sábado 23 no Saviñao, na Asociación Lavandeira: Local Social de Currelos ás 16.30 horas; e en Cospeito coa Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño: Casa da Cultura de Muimenta ás 19.30 horas.
  • O 24, en Viveiro e Mondoñedo.
  • O día 25, en Castro de Rei, coa Asociación San Martiño de Goberno: Escola de Goberno ás 17 horas; e en Guitiriz, coa AA.VV. Os Vilares: Escola Habanera da Conchada ás 19.30 horas.
  • O martes 26 en Cervantes, coa ANPA CPI de Cervantes: Instalacións do centro ás 12 horas; en Láncara, coa Asociación Cultural Val de Láncara: Antiga Escola ás 17 horas; e en Castroverde, coa ANPA CPI de Castroverde: Instalacións do centro ás 19.300 horas.
  • O 29 na Pontenova e en Riotorto, coa AA.VV. De Santa Comba da Órrea: Antiga Escola de Órrea ás 17 horas.
  • E o sábado 30, en Lugo, coa Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplantenses: Casa das Asociacións (Rúa Montefaro) ás 12.30 horas. En Castro de Rei, a Asociación de Amigos da Feira: Teleclube ás 16.30 horas: E en Cospeito, a AA.VV. Recreativo e Cultural San Martiño de Pino: Escola de Pino ás 19.00 horas.