Envellecemento

LUGO

26 dic 2023 . Actualizado a las 18:44 h.

Veñen tempos de mudanza. Os anos vindeiros haberá unha enorme reposición do cadro de profesorado do Campus Terra. O natural proceso de avellentamento e a previsión de xubilacións que iso implica constitúe unha oportunidade para os que inician a súa carreira investigadora e as súas teses de doutoramento e que agardan poder incorporarse a un traballo estimulante. Os que están agora na educación primaria chegarán ao mesmo punto pasados uns anos e atoparán, probablemente, as portas pechadas, porque a práctica totalidade da reposición se terá concentrado en menos dunha década, deixando as vías de acceso saturadas para unha xeración.

Períodos de demanda masiva tenden a verse sucedidos por outros de pechazón total. O resultado é que as posibilidades reais dun individuo de se incorporar a certos traballos están máis determinadas polo ano de nacemento que polo talento ou o esforzo persoal. Cumpriría unha planificación que establecese chanzos de acceso, que garantise unha certa continuidade nas opcións e evitase os saltos bruscos e a saturación. Mais coido que non acontecerá.

Sempre me gustou defender as opcións vocacionais, mais semella que, no cálculo do que estudamos e do que perseguimos, cómpre meter datos tan alleos a cada un e cada unha como se é ou non ano electoral ou a idade media dos cadros de persoal. Pero non crean que o Campus Terra se vai inzar agora de novos investigadores de 25 anos. Máis ben, incorporará persoas de 40 ou 45, as que foron quen de sobrevivir ata entón a poder de bolsas de investigación ou dos recursos familiares. Que foron un feixe!