A presentación do que este ano será a cabalgata de Reis, baixo o nome «Fermoso planeta», ilustra que a tradición pode manterse cun novo sentido e unha adaptación ás preocupacións dos novos tempos. A aposta por unha temática ecoloxista fai da biodiversidade o novo ouro, incenso e mirra e o carácter sempre exótico e afastado consubstancial aos Reis Magos convírtese en xeito de traer a Lugo elementos da flora e a fauna doutros lugares do mundo.
Esta aposta da corporación municipal coincide co momento no que unha das películas máis vistas é Deixar o mundo atrás, na que (aviso xa do 'spoiler' absoluto que se vai facer a continuación), no medio dun contexto apocalíptico enigmático (nada de finais sinxelos coma un desastre nuclear, o choque dun asteroide ou unha invasión alieníxena), a filla máis nova da familia protagonista pecha a historia cando chega soa a un búnker e atopa comida almacenada e toda a súa serie favorita («Friends», como non) a disposición, a serie que a obsesionaba e da que dixera ao seu irmán, «é o que me fai feliz». Alí senta, fronte á pantalla, con cara de bastante satisfacción, deixando atrás non só o mundo senón a propia familia que aínda segue aí fóra, uns buscándoa e outros procurando o búnker.
Cada inicio de ano danos conciencia do paso do tempo e das mudanzas que trae consigo. Este inicio de 2024, no que se prolongan conflitos tráxicos que semellan cronificarse, con conmocións sísmicas aquí e acolá, anciáns falecidos sós e a aposta por unha cabalgata de Reis que exalta a biodiversidade, fálanos dos cambios do noso mundo. O foco hai que poñelo nas novas xeracións: facerlles sentir que aínda temos un mundo polo que velar e do que gozar. Antes de que se nos refuxien nun búnker tecnolóxico facendo caso a Mafalda cando dicía: «que paren o mundo, que me apeo».