José Manuel Díaz Grandío (Sumar): «Xa me dixeron que 'agora hai un motivo polo que ir a votar'»

LUGO

O que fora 16 anos concelleiro do PSOE en Lugo, vai de número 4 na lista de Sumar, formación que cre é necesaria para os votantes de esquerda
17 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A decisión de que José Manuel Díaz Grandío, de 64 anos e xa xubilado como funcionario do INSS, se presente nas listas de Sumar por Lugo colleu por sorpresa a moitos lucenses pero os veteranos militantes do PSOE xa hai anos que sabían do seu malestar co partido. Entrou con Orozco no Concello en 1999 e marchouse no 2015, xa con Lara Méndez, con desilusión. Durante varios mandatos estivo á fronte da Concellería de Deportes, onde deixou un grato recordo.
—Como se animou a dar o paso de ir na lista de Sumar?
—Penso que é necesario que haxa unha opción de esquerdas como Sumar, como se demostra no Goberno do Estado, e o PSOE necesita alguén á esquerda, como unha especie de toque de que hai políticas necesarias, e Sumar está aí para defendelas.
—Que lle comentou a xente cando se fixo público que ía na lista de Sumar, logo de tantos anos vinculado ao PSOE.
—Eu xa son un xubilado e paseo moito pola rúa, e a xente amosouse moi contenta de que estea na lista, porque creo que teñen un bo recordo do meu paso pola política municipal. Xa me dixeron: «Agora xa teño un motivo polo que ir a votar».
—Pero que lles di aos que pensar que está traizoar ao PSOE?
—Creo que hai moitos votantes que non acoden ás urnas, pero que con Sumar teñen motivos para acudir. As persoas do PSOE coas que me atopei alegráronse de que dese este paso. E algúns xa me dixeron que estaba ben para remover as bases do partido, que están desconectadas e non participan nas decisións.
—Pero haberá xente do PSOE que pensa que votar a Sumar na provincia de Lugo é dividir o voto?
—Eu creo que as persoas que van a votar o 18 de febreiro a Sumar ían a quedar na casa, que levan anos sen votar porque lles faltaba unha formación á esquerda do PSOE que os representase. Non creo que reste voto ou penalice ao PSOE, e si visibiliza unha formación necesaria.