Mafalda, Zoo, Familia Caamagno, Los Chikos del Maíz ou Sociedad Alkoholika son parte do cartel dunha cita coa música punk rock que terá lugar os dáis 1 e 2 de marzo
16 ene 2024 . Actualizado a las 13:39 h.Máis dunha ducia de bandas actuarán no festival A Candeloria, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo os días 1 e 2 de marzo. A cita, que cumpre unha década, converteuse nun referente na música punk rock en Galicia e no resto do país. Bandas como Mafalda ou Zoo, que anunciaron a súa despedida dos escenarios no 2024, formarán parte do cartel. Tamén estarán grupos como Soziedad Alkoholika, Los Chikos del Maíz, Rebeliom do Inframundo ou Familia Caamagno, ademais dos tradicionais Cantos de Taberna, sinal de identidade do festival.
O programa comezará o venres 1 con Zoo, no seu único concerto en Galicia, ademais da actuación de Rebeliom do Inframundo, Familia Caamagno, Ira Rap, Pigs Parlament, Kamikazes e Jordi Pánico.
Na xornada do sábado 2 será a quenda de Soziedad Alkoholika, Los Chikos del Maíz, Talco, Tribade, Mafalda, Arrythmia e Me Fritos and the Gimme Cheetos. Por outra banda, o sábado, durante a sesión vermú, celebraranse os Cantos de Taberna, que terán lugar no barrio da Ponte, e xa está aberta a inscrición (ata o 21 de febreiro) para as persoas interesadas, ata completar as prazas.
Entradas á venda
Membros da organización (Manu Fernández, Antón Castro e Carla Ortega) explicaron no acto de presentación, no Pazo de San Marcos, que A Candeloria busca «ter a representación das mellores bandas do circuíto de rock galego e estatal no seu cartel». Ademais, avanzaron o éxito desta edición, que xa conta co 85 % de entradas vendidas para o sábado e o 70 % para a festa do décimo aniversario do venres. As entradas poden adquirirse a través da web do festival, acandeloria.org.
A deputada de Cultura, Iria Castro, valorou a aposta que fai a organización «polas bandas galegas e a música en galego, presente unha vez máis este ano. Seguimos necesitando ampliar os escenarios e os altofalantes para as nosas artistas e para a nosa lingua».
En canto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sinalou o mérito da organización, que «apostou por unha data arriscada e pouco habitual para os festivais e que conseguiu consolidar a súa proposta, traendo a Lugo algunhas das mellores bandas galegas e estatais, pero tamén con presenza internacional».