Política e teito de cristal

LUGO

06 feb 2024 . Actualizado a las 20:13 h.

A semiótica abrangue todo. O que se di e tamén os signos visuais e a contrución da imaxe que rodea o discurso. Neste debate electoral, deixando a un lado a distribución de quendas, houbo unha evidente aposta por esta última cuestión. Sen entrarmos a avaliar o sentido e a intención das presenzas e as ausencias, o certo é que o equilibrio de xénero (dous a tres), provocou unha distribución do espazo que tivo como resultado a ubicación das mulleres nas marxes. No que atinxe ás cores, a monocromía masculina contrastou cunha aposta ben diferente por parte das candidatas. O centro fronte á periferia; o clasicismo fronte á policromía. Coido que é a primeira vez que nun debate electoral galego se deu unha maior presenza de mulleres ca de homes. Algunhas enquisas apuntan, mesmo, á posibilidade de que Galicia poida chegar a ter unha presidenta. A posta en escena e o peso de cada partido no debate definiuse por procedementos que podemos intuír; mais o equilibrio definitivo das forzas só se determinará o día 18. En calquera caso, estas citas son unha das poucas ocasións que nos permiten asistir a un exercicio de dialéctica e argumentación. Mágoa que a rixidez dos moldes impostos nos últimos tempos nos impida asistir a un verdadeiro debate, que queda reducido, no mellor dos casos, a unha sucesión de monólogos trufados de referencias cruzadas. Agárdannos, aínda, dúas semanas de campaña nas que seguiremos oíndo falar da emigración dos máis novos, da cuestión de xénero, da vivenda, de Alcoa, da AP-9, do imposto de sucesións, da situación da sanidade, do coidado dos maiores e dependentes, das dificultades para chegarmos a fin de mes, da situación da lingua galega. Do conxunto deses temas a cada un pésanos algún deles especialmente; a min, a igualdade e a lingua. Que será o que pese máis para o conxunto da cidadanía galega o día 18?