Código azul

LUGO

13 feb 2024 . Actualizado a las 17:01 h.

O feito de que, na campaña das eleccións galegas, se xogue coas cores da bandeira de Galicia é esperable e normal. Mesmo no cartel do PSOE, que, coma sempre, recorre ao vermello clásico da formación, o O de Besteiro acolle, no seu cerne, o azul e branco que simbolizan o noso país. Pero a idea máis interesante cos códigos de cor dáse, sen dúbida, no BNG. A súa aposta por construír a imaxe electoral unicamente sobre estas dúas tonalidades corría, a priori, o risco de carecer de diferenciación. Mais aí empeza o xogo.

En primeiro lugar, o azul afástase do clásico, adquirindo un aire de modernidade cun matiz que deriva cara a azul Klein ou eléctrico e que tingue, coa forza da monocromía, o mapa enteiro de Galicia. Nos carteis máis grandes, sitúase sobre o branco do vestido de Ana Pontón, xusto á altura do peito, nun deseño innegablemente atractivo e, sen dúbida, moi estudado, que semella falar, sen dicilo, de levar a terra no corazón. Logo, esta imaxe de frescura e novidade complétase cun detalle aparentemente minúsculo e, pola contra, central: o pendente que adorna a orella. A asimetría da colocación do rostro non permite ver ambos pendentes, un deles apenas asoma, e isto converte ao outro nun foco de atracción inspirado na artesanía galega que evoca, coas súas curvas, os torques e a nosa historia castrexa, as formas orgánicas das cunchas e as follas, sinxelo e prateado, fabulosamente escollido.

Na publicidade sempre se xoga a desmentir o que se teme: coches de 16 válvulas que presumen de baixo consumo ou pequenos utilitarios nos que se di que cabe a equipaxe dunha familia numerosa. O cartel do BNG está pensado para construír unha imaxe de madurez, de solvencia, de partido institucional, compaxinándoo con idea de modernidade, de ilusión e de futuro. Pon á súa líder no foco. Condensa toda a campaña. Agora falta o veredicto do público: o 18 de febreiro.