Construírmos o futuro

LUGO

05 mar 2024 . Actualizado a las 18:22 h.

A vida, tanto a individual como a colectiva, está ateigada de encrucilladas. Todo o que somos confórmase a partir de pequenas e grandes decisións que van trazando o noso camiño. A perspectiva do tempo permite, cando ollamos cara a atrás, detectarmos algúns intres decisivos que, para ben ou para mal, marcaron un punto de inflexión na nosa traxectoria. Moitos lucenses sentimos arrepío ao volvermos a ollada a ese instante no que puidemos destruír a muralla, hoxe Patrimonio da Humanidade e tesouro colectivo que nos abraza e nos expresa. Por inconcibible que poida semellar, houbo un tempo no que a moitas persoas lles parecía un xeito sensato de potenciar a expansión e o progreso da cidade.

Por iso, agora que se abre a exposición pública o proxecto de Altri para Palas de Rei, é un deber colectivo coñecermos a fondo o seu contido e as súas implicacións e sumármonos á toma de decisións que permitan construír o mellor futuro, non só no curto, senón tamén, e especialmente, no longo prazo.

Porque o problema máis grave das sociedades actuais é que os xeitos de vida fan verdadeiramente difícil exercermos unha cidadanía activa e responsable, comprometida coas cuestións colectivas. O traballo abafante, a multitarefa e as múltiples cargas déixannos extenuados, de xeito que nos escasos intres de lecer tendemos a preferir a evasión fronte a seguir implicándonos en problemas nos que, ademais, sentimos que a nosa capacidade de influír é baixa ou nula. Mais a cidade que puido abrazar a súa muralla para erguela como Patrimonio da Humanidade ben debería ser quen de avaliar con rigor, intelixencia e ollada de longo alcance o impacto dun proxecto no seu tecido social e o seu patrimonio natural. E, por conseguinte, implicarse. Porque as decisións hai que tomalas cando toca e os prazos transcorren case sen decatármonos, mentres estamos atarefados nas angueiras diarias, esas que case non nos deixan erguer os ollos.