Segundo un estudo recente o 34% da poboación ten problemas de saúde mental. O groso non son casos de esquizofrenia ou trastorno bipolar, as cifras énchense co volume de depresións e de cadros de ansiedade. O dato apuntálase coa contundencia de que un 27% da poboación consume antidepresivos, ansiolíticos ou somníferos.
Os datos son peores ca no máis cru da pandemia. E a min todo isto faime pensar nunha discusión que tiven recentemente. Saquei a colación o comentario dun rapaz que, tras ler Memorias dun neno labrego, dixo que -lonxe de darlle pena- Balbino causáballe envexa. Isto indignou a unha persoa que me lembrou o mal que se vivía na posguerra, o frías que eran as casas de aldea, que os nenos tiñan frieiras e estaban mal nutridos e un longo etc. entre o que non era cousa menor a situación das nenas, infravaloradas, excluídas da educación e dedicadas ás tarefas domésticas.
Eu non discuto nada diso, pero constato que cada xeración e cada momento histórico ten as súas loitas. A xuventude de hoxe vive nun estrés constante, sempre sometida a avaliación en múltiples ámbitos (do físico ao académico). Se antes unha persoa pasaba penurias, a idea era que o sistema era inxusto; hoxe cúlpase ao excluído e fáiselle sentir que non ten valía abondo. Ás veces son fillos únicos de fillos únicos, sen amigos nin xogo libre. Os nenos e nenas de aldea pasaron penurias, pero estaban rodeados de natureza, de irmáns e amizades, xogaban ao aire libre, tiraban croios e inventaban xogos: tallaban carros nos nabos, facían barcos coas cascas das noces, ían coas vacas, e en primavera xuntábanse todos os da aldea e xogaban a rolos polos prados. Os datos de saúde mental están aí, indicándonos que non todo se amaña con benestar material e escolarización. Tendemos a loitar polo que nos falta e a miúdo, no camiño, deixamos esquecido o que tiñamos.