Tres homenaxes pendentes en Vilalba: «Seguiremos insistindo, é de xustiza», di a presidenta do Iescha

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

Escultura de Manuel María xunto á Casa da Cultura de Vilalba, obra de José Gómez de Bernardo
Escultura de Manuel María xunto á Casa da Cultura de Vilalba, obra de José Gómez de Bernardo ALBERTO LÓPEZ

O pleno da corporación non deu aprobado que se dedicase a Casa da Cultura a Manuel María, a Biblioteca a Agustín Fernández Paz e o Conservatorio a Santiago Mato Vizoso

10 abr 2024 . Actualizado a las 20:05 h.

Tres homenaxes que se poderían celebrar en Vilalba están sen data. Que a Casa da Cultura levase o nome de Manuel María (1929-2004), que Agustín Fernández Paz (1947-2016) dese nome á Biblioteca Municipal e que o Conservatorio se dedicase a Santiago Mato Vizoso (1854-1925) eran propostas que se debateron no pleno da semana pasada tras seren presentadas polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha). A iniciativa debateuse en conxunto, aínda que o Iescha fixo as solicitudes de recoñecemento diante do Concello por separado, en distintas datas.

O regulamento sobre honras e distincións que ten o Concello de Vilalba esixe unha maioría de dous terzos da corporación para recoñecementos coma os que pedía o Iescha. Faría falta como mínimo o apoio de doce dos dezasete concelleiros, que non se acadou pola abstención do Partido Popular (PP). O PSOE, Vilalba Aberta e o BNG apoiaron a iniciativa, pero só supoñen nove votos.

A directiva do Iescha xa recibiu a comunicación oficial do ocorrido no pleno. A presidenta, Marisa Barreiro, recoñeceu este mércores unha certa sorpresa pola votación: «Descolocounos un pouco», dixo, salientando que esas tres persoas tiñan, coas súas traxectorias, abondos merecementos para a homenaxe que se pedía. «Seguiremos insistindo, é de xustiza», afirmou Barreiro, que subliñou que a razón desa petición era allea a cuestións do pleno e estaba baseada no perfil que lle corresponde ao Iescha: «Reivindicamos, como entidade cultural, a figura desas tres persoas», explicou.

As condicións que impón o regulamento poden frear que a solicitude do Iescha saia adiante se se volve presentar. Porén, Marisa Barreiro lembrou que Manuel María, Agustín Fernández Paz e Santiago Mato Vizoso eran merecentes dun recoñecemento. O primeiro non só mantivo un forte vencello con Vilalba durante a súa vida, senón que escolleu a capital chairega para o acto de ingreso na Real Academia Galega, que tivo lugar no 2003. O segundo, nado en Vilalba, tivo tamén un longo percorrido na literatura galega, especialmente na dedicada a nenos e a rapaces. O terceiro desenvolveu en Vilalba un labor orientado á música, e o Iescha ten o proxecto de dedicarlle un volume no que se publicarían tamén partituras de obras súas.