Pagar a pena

LUGO

30 abr 2024 . Actualizado a las 22:49 h.

Hai uns anos, unha enfermeira que se encargaba de coidados paliativos ede acompañar a xente nos derradeiros días da súa vida publicou un artigo que axiña se fixo viral e que acabou derivando nun libro sobre as cousas das que a xente se arrepinte antes de morrer. Desde a súa experiencia, afirmaba que tendemos a lamentar máis a omisión ca a acción, así que o importante é, sobre todo, o que non fixemos, especialmente naqueles casos nos que non tivemos o valor de facermos o que verdadeiramente queriamos facer.

Cando chega ese intre no que a vida se interrompe definitivamente, podemos deternos a facer balance dos nosos días. Non creo que desas experiencias aprendan os outros, os que aínda están inmersos na voráxine da vida, nese río impetuoso máis cheo de rápidos ca de relanzos. Penso nisto ao fío dos cinco días de reflexión do presidente. Máis alá das reaccións, de empatía ou de chanza, a min lévame a pensar no difícil que é para calquera, sen necesidade de que teña a cargo un país, facer un alto no camiño para cavilar e decidir o que paga a pena e o que non. E, pola contra, eu proporía erguermos a ollada da lea política e darlle a isto un xiro existencial: se ata o presidente pode tomar 5 días de reflexión, ben poderiamos os demais permitirnos tal luxo, saírmos do río e sentarmos uns días a observalo, desde a ribeira, e logo mergullárnonos na corrente cunha visión máis clara. E penso iso malia que non creo nos cambios radicais nin nos puntos e aparte. Poucas experiencias nos transforman dun xeito que realmente cambie o rumbo, Precísase, por continuar a metáfora, un fenómeno natural de magnitude tal que poida mudar o curso dun río: un auténtico terremoto.

En realidade (e aínda que moitas veces non nos guste aceptalo) tendemos a facer o que queremos facer; decidimos o curso en cada pequena decisión e en cada reviravolta do camiño. E, aínda así, paga a pena, de vez en cando, facermos un alto para logo afrontarmos o noso destino.