Os actos comezan o venres 17 coa actuación do Claustro Música na Praza Maior
15 may 2024 . Actualizado a las 20:14 h.Concertos, literatura, contacontos e Feira do Libro son os principais atractivos que ofrece a cidade nesta fin de semana de celebración das Letras Galegas. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades coas que o Concello de Lugo celebrará o día das Letras Galegas entre o 17 e o 19 de maio. Ferreiro afirmou que «nesta fin de semana Lugo converterase nunha capital cultural a nivel europeo, dado que xunto ás actividades do día das Letras Galegas acollemos a celebración do centenario de Ulises e a celebración do Día dos Museos».
A área de Cultura organiza, o 17 de maio ás 13.00 horas, un concerto gratuíto da agrupación Claustro Música, que terá lugar na praza Maior (en caso de choiva, no Vello Cárcere), e a programación musical na fin de semana continuará o sábado cos concertos de Clo Plas (18 de maio ás 12.45 no exterior do Centro Arqueolóxico de San Roque) e a portuguesa Malva (18 de maio ás 18.30 no exterior da Sala de Exposicións Porta Miñá).
A programación do Centenario de Ulises na xornada do 17 de maio terá lugar unicamente en sesión de tarde, e dará comezo ás 17.30 no Vello Cárcere, co faladoiro «Galiza e Irlanda: Do celtismo á recepción do Ulises na li na literatura actual», cos escritores Marilar Aleixandre e Felipe Senén, que debullarán, canda o dramaturgo Eusebio Lázaro, a influencia do Ulises na literatura actual. O poeta Xerardo Quintiá, de Lupercais, será o encargado do brinde poético ao remate do debate, e a partir das 22.00 horas o Mercado Municipal acollerá o concerto da banda Radio Océano.
A Feira do Libro de Lugo celebrará o venres 17 a súa última xornada. As dez librarías participantes manterán o seu posto aberto en horario de mañá e tarde, de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.00 horas, e contarase con oito actividades ao longo da xornada, tanto na carpa de actividades como nas casetas das distintas librarías:
· 11.30h. Sonia Arias López asinará «Los zapatos del lobo» na caseta da Libraría Aguirre
· 12.00h. Sara Fernández Roig asinará «O bosque é a nosa casa» na caseta da Libraría Trama
· 12.00h. Francisco Narla asinará «Onde ouvean os montes» na caseta da Libraría Pedreira.
· 12.30h. Rober Cagiao asinará «Entroido: Caza Moral» e o resto das súas obras na caseta da Libraría Agrasar.
· 12.30h. Presentación e contacontos ilustrado «O reino de Libelíño», con Estefanía Padullés na carpa de actividades.
· 17.30h. Teatro infantil: Pedras de Cartón representa a obra «Moby Dick».
· 18.30h. ContAZ Lengua de Signos representa «A Maleta».
· 19.30h. Mario Outeiro Iglesias presenta «19 (+1) escapadas polo Corgo. Guía visual do concello», acompañado por unha representante da Área de Cultura e do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.