Cada ano, a figura homenaxeada no día das Letras Galegas concita unha enorme actividade cultural. Publícanse libros dedicados a ela, organízanse conferencias e desenvólvense numerosos actos e conmemoracións, facilitando a difusión e a lectura da súa obra. Os centros educativos súmanse, cun indiscutible pulo, a esta festa da palabra, contribuíndo de xeito notable ao recoñecemento das voces que fixeron da nosa lingua ferramenta artística e puxeron voz ao noso ser colectivo. Dalgún xeito, toda esta sinerxia cultural conflúe no día central, o 17 de maio, que é unha outra festa nacional, porque a literatura é a nosa segunda patria.
Non é de estrañar, daquela, que unha vez superada esta data haxa unha certa sensación de fin de festa. Mais, pola contra, o resto do ano seguirá sendo o de Luísa Villalta. Máis aínda: quizais esta segunda parte sexa especialmente propicia para o encontro cos textos e para a súa lectura demorada. En Xermade, o vindeiro sábado, no marco das Xornadas Interxeracionais Rurais, seguirá a celebrarse o ano da escritora da Cidade Alta, coa participación dos membros do Club de lectura de Cabreiros, e en moitos outros lugares e centros educativos de Galicia seguirá a soar a música das palabras da autora homenaxeada.
Pola súa dobre dedicación á música e á escrita, Luisa Villalta é unha desas figuras das nosas letras que ilustra con forza a dimensión interartística. Mais, fronte á poesía envorcada na sonoridade, os dela son versos agudos e comprometidos que nos achegan a numerosas causas: a lembranza do prestige e de Nunca máis, a loita contra a prostitución e mesmo a denuncia de problemas xeopolíticos coma o conflito palestino. Morta hai 20 anos, non puido sospeitar o vixente que estaría a súa obra tanto tempo despois, neste ano que dedicamos a escoitar a música da Cidade Alta, unha música que resoa nos barrios, nos lugares humildes, nas costas enchoupadas e negras, nos abismos da escuridade humana.