Inés López, médica do HULA: «A literatura ensinoume a coidar a forma de informar ás familias»
LUGO
A médica presenta Acuruxar, o seu primeiro poemario, o venres 21 de xuño na Igrexa de Santa María do Cebreiro. Tamén o fará o día 26 en O Vello Cárcere
20 jun 2024 . Actualizado a las 19:36 h.Inés López acuruxa no seu libro historias de vida, de pasado, de sentimentos, de aldea. Acuruxa os abrazos da súa nai, os recordos da infancia, as vivencias nunha escola unitaria, as viaxes cara o traballo e tamén unha baixa que lle ensinou a desfrutar desas pequenas cousas que dan sentido á vida. Natural de Foxos, unha pequena aldea de Pedrafita do Cebreiro, a médica recompila na súa obra os poemas que foi escribindo ao longo da súa existencia e que teñen tantas interpretacións coma cada quen queira facer.
As infinitas viaxes en tren fixeron que lnés foise reflexando o seu pensamento en versos. Algún deles levaba moito tempo gardado no caixón, pero empezaron a coller forma cando estivo de baixa fai tres anos. «Pensaba que non aportaba nada, pero cos anos vas perdendo a vergonza e dinme conta de que era agora ou nunca», abunda. Foi en xaneiro deste ano cando presentou o libro ante a Editorial Medulia.
«Nestes versos é onde me mostro completamente espida. Coñecédesme coa bata, pero aquí é onde se ve quen son realmente»
A obra recompila 41 poemas, estruturados a partir de catro imaxes que representan as estacións do ano. E da vida. Tal e como conta, este libro é un percorrido que simboliza un peche de ciclo con 40 anos. No seu último poema, Inés chega a conclusión de que a vida non é tan difícil como parecía: «Liámonos e complicámonos cando só temos que disfrutar día a día».
Daquela non sabía o que se viña, pero fai máis dunha década que Inés comezou a recoller os froitos da súa paixón pola literatura. Corría o ano 1990 cando gañou un premio das Letras Galegas. Marcharon seus pais con ela cara Lugo «a 40 kilómetros por hora detrás dun camión e aquilo era a excursión da túa vida». Por sorte ou por desgraza, os tempos foron cambiando, pero ela nunca deixou estar amarrada ás súas orixes ás que sempre elixe voltar. Está segura, e así o mostra na súa obra, de que «hai que andar polo mundo para reconciliarse co noso».
Literatura e medicina
Aínda que pareza curioso, esta médica fala de calma fronte ao estrés a a tensión do día a día no hospital. «Pensamos que a medicina é técnica, pero mesmo en urxencias, cando os minutos valen ouro, precisamos calma para tomar a decisión adecuada», confesa Inés, para quen a literatura e as ciencias van da man. «A literatura permitiume profundizar nas tres facetas da persoa máis aló do meramente técnico que estudamos. Grazas as palabras doulle importancia a enfermidade física, o contexto emocional e a saúde social», explica a médica, que exerce no HULA despois de 15 anos en Vigo.
«Hai que coidar o espazo e a forma de informar ás familias, e tamén escoitar aos pacientes», engade. Inés fala da poesía coma unha maneira de relacionarse co mundo, de reflexionar, de volver ao pensamento crítico e de humanizar os espazos individuais e colectivos. «Creo que é o momento dunha revolución social dende o fraterno, que reivindique a necesidade de axudarnos e de vivir sen présa, sen ser escravos do tempo».
Reivindicando a linguaxe propia de Os Ancares
Nos seus versos Inés emprega palabras propias das montañas de Os Ancares. Unha linguaxe aceptada normativamente que se empregan de diferentes xeitos en función dos dialectos: «Temos que apegarnos as palabras que nos fan diferentes». Acuruxar, a palabra que lle pon nome ao libro, significa para ela «abrigo, sostén, aperta ao noso».