Carme López, artista de O Incio: «O meu primeiro disco ten como temática as vivencias da infancia»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

LUGO

Ademais de intérprete, é docente e investigadora no campo da música tradicional galega
Ademais de intérprete, é docente e investigadora no campo da música tradicional galega EVA POMBO

Lanzou o seu disco de música experimental con gaita galega no mes de marzo. Ademais de intérprete, é docente e investigadora no campo da música tradicional galega

30 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A música, especialmente a tradicional, forma parte da vida de Carme López dende que era unha nena. Ela, natural de O Incio, comezou a súa andaina tocando a gaita nunha asociación cultural en Sarria, unha localidade coa que artista está moi vinculada. Despois pasou ao conservatorio e, xa na etapa universitaria, seguiu combinando os seus estudos coa paixón pola música tradicional e a investigación neste ámbito. Agora Carme, que ten 31 anos, ademais de intérprete, é docente na Universidade de Santiago de Compostela (na Área de Expresión Musical), profesora nun grupo de folk en Vigo e tamén investigadora no campo da música tradicional galega. Fai dous anos que se doutorou na Universidade da Coruña cunha tese sobre o canto tradicional feminino en Galicia.

Despois da súa ampla traxectoria, a artista deuse conta de que era o momento de lanzar Quintela, o seu primeiro disco que se consolida como unha obra de música experimental con gaita galega. «Levaba varios anos intentando atopar un espazo no que eu me sentise cómoda empregando a gaita», confesa Carme. Para ela, o seu novo disco foi «unha evolución natural, non excesivamente pensada, que xurde cando tiven claro o que quería facer, ademais dun sustento económico».

Música experimental

A artista incide, a través das súas cancións, na perspectiva de xénero na música tradicional. «No caso da gaita en concreto, ten características melódicas e de imaxe nas que ten maior presenza e prestixio o xénero masculino e a min iso non me acababa de cadrar», conta.

Ela apostou pola música experimental, coa gaita como instrumento principal, iso si, pero escapando das melodías tradicionais, nas que existe unha melodía estruturada. De feito, Carme explora no seu disco Quintela todas as posibilidades sonoras da gaita dun xeito completamente diferente e improvisado. «Salvando a primeira e a última peza que teñen melodías, no que son as cancións centrais non existe partitura e en, moitos casos, non hai nin unha estrutura previa», abunda.

Seis pezas ao pasado

Quintela é un disco que alude ao pasado da artista, que escolleu como temática os recordos máis vivos da súa infancia. «Quintela é o nome da casa dos meus pais», di. Explica que cada un dos temas centrais está dedicado a persoas ou animais que tiveron unha pegada importante ao longo da súa vida.

Gañadora do premio Martín Códax

Carme, que lanzou o disco o pasado mes de marzo, foi galardoada na décimo primeira edición dos premios Martín Códax, que homenaxean a música galega. Ela foi galardoada na categoría de música clásica e contemporánea.

Ademais, recoñece que o seu primeiro disco está tendo moita acollida mesmo fóra de España, onde a artista xa ten concertadas varias citas: «É unha satisfacción que a música local traspase fronteiras».