O cancioneiro popular, na voz das cantareiras que conservaron, arrequeceron e transmitiron a lírica de tradición oral, será o epicentro da celebración das Letras Galegas do ano 2025. As reaccións a esta aposta (necesariamente múltiples) expresan maioritariamente ledicia: a emoción de vermos recoñecida a cultura tradicional popular, a tarefa das avoas ás que oímos cantar, das que aprendemos a lingua e tamén esoutras creacións que conforman a cultura.
Hai anos, Umberto Eco dedicou o seu libro Apocalípticos e integrados á escisión entre a alta cultura e a cultura de masas; velaquí outra dicotomía que tamén xera xerarquías e actitudes de inclusión ou exclusión: a alta cultura e a cultura tradicional. O propio proceso de dignificación e normalización do galego implicou inverter un canon que o marcaba como idioma subalterno e minorizado, por iso é un acto de xustiza que, desde as institucións se recoñeza e dignifique aquilo que termou da lingua nos tempos escuros nos que, afastada do ámbito escrito, se transmitía de xeración en xeración, a través da arma máis poderosa e emocionante que poida existir: a voz humana. A desas mulleres que, privadas do acceso ao estudo e do recoñecemento da lingua que falaban, fixeron da cultura algo vivo, creativo, festivo e poderoso, agarimoso e engaiolante.
A miña avoa Filomena era ben cantareira. Tiña nome de reiseñor que nunca aprendeu a amar de todo. Probablemente non soubo da súa raíz mitolóxica nin da súa vinculación coa música. En Galicia, case todos temos na memoria unha avoa que nos cantou en galego. Chegounos, a través dela, unha cultura de séculos da que agora nos toca termar, coma un esteo. As Letras Galegas 2025 celebran o idioma, as mulleres e a poesía de tradición oral. Non me parece pouca cousa. Tres realidades subalternas unidas en irmandade.