A autora Roser Vernet, convidada na terceira edición da residencia «Escrita no remoto» en Parada do Courel

Iria Pombo / M.C. MONFORTE / LA VOZ

LUGO

A autora Roser Vernet protagoniza a terceira edición da «Escrita no remoto» no Courel
A autora Roser Vernet protagoniza a terceira edición da «Escrita no remoto» no Courel Cedida

A Fundación Uxío Novoneyra convida á escritora catalá a escribir sobre a paisaxe courelá. O proxecto das residencias busca compartir o escrito coas comunidades educativas da montaña

30 jul 2024 . Actualizado a las 17:06 h.

Roser Vernet Anguera (Priorat, 1955), autora e tradutora de profesión e gañadora do derradeiro Premi Ciutat de Barcelona na categoría Literatura catalá, protagoniza no corazón do Courel a terceira residencia da «Escrita no remoto». A Casa Museo Uxío Novoneyra en Parada acolle este programa de residencias que inicia este mes  súa nova edición entre a casa natal do poeta e o Pazo de Tor (Monforte de Lemos). Ademais, a Fundación Uxío Novoneyra celébraa este ano co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Tanto Parada coma Tor son dous eidos estreitamente vencellados á obra do poeta do Courel e, por elo, son o perfecto enclave para a realización destas residencias literarias. O programa, nas súas edicións anteriores, ten acollido ás autoras Yolanda Castaño, Pamen Pereira ou María Sánchez, entre outras. Ademais, segundo Castaño, este programa de residencias «trata de pór en valor a memoria do mundo literario do interior dunha provincia tan fascinante coma Lugo, a onde, por certo, xa se están mudando uns cantos dos escritores máis interesantes». A «Escrita no remoto» é un proxecto nado hai dous anos no Courel que forma parte da programación expandida do Festival dos Eidos.

Referente na literatura catalaá

A convidada deste ano vén de gañar un dos premios máis importantes da poesía en catalán co seu libro Lo mig del món. Unha obra que, segundo Uxío Novo, é «inclasificable e recolle un mosaico de vivencias entretecidas co seu lugar de pertenza». Roser Vernet dirixe o Centre Quim Soler en El Molar (Priorat), unha asociación que traballa a prol do desenvolvemento integral da comunidade.

O Centre trátase dun espazo que vincula a literatura e o viño dende hai décadas e desenvolve o proxecto «Priorat en Persona», que convida a autores e autoras cataláns a escribir un diccionario literario da excepcional paisaxe do lugar. En cada edición bianual, os autores e as autoras retornan ao lugar para compartir os seus textos diante da comunidade educativa dos distintos colexios e institutos da comarca. Deste xeito, a sinerxia entre a Fundación Uxío Novoneyra e o proxecto «Priorat en Persona» foi o motor do convite para iniciar unha conversa literaria entre a escrita das terras do Priorat e dos eidos courelaos.