Memoria histórica desde as pallozas de Cervantes

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Imaxe de arquivo das pallozas de San Román de Cervantes
Imaxe de arquivo das pallozas de San Román de Cervantes OSCAR CELA

Celebran unha festa o domingo 18 baseada na novela de Posín de Noudelo

13 ago 2024 . Actualizado a las 13:42 h.

Domingo 18 • A partir das 19.00 horas • Conxunto Etnográfico Pallozas de San Román (Cervantes) • 

A historia do ancarés Hilario González Quiroga, asasinado polo Réxime o 7 de maio de 1943, está cargada de misterios, fuxidas, amor e loita. O seu periplo inspirou a novela Causa. La sociedad revolucionaria de la parroquia de Donís, escrita por Posín de Noudelo, pseudónimo que emprega o bisneto do propio Hilario.

Tomando como punto de partida este libro, que é unha novela, pero baseada en feitos reais, o Conxunto Etnográfico das Pallozas de San Román de Cervantes acollerá este domingo, día 18, unha celebración na que se combinarán literatura, música, baile e memoria histórica. Comezará ás sete da tarde coa presentación da novela; sobre as oito e cuarto actuará o grupo tradicional Os Xardois, e despois agárdanse moitas sorpresas, cun evento nunca visto ata o momento en Cervantes, que parte do seguinte aviso: «O comandante da liña de Becerreá informa que os escapados de Torés andan polos montes de Cervantes».

 

A novela de Posín de Noudelo, que este mes está presentando pola comarca dos Ancares, baséase na causa 1.132 que lle abriron en 1937 e na 257 de 1943 a Hilario González, quen estivo fuxido por Donís, Navia de Suarna, Becerreá e Asturias, e se acabou entregando en 1938. Enviárono á prisión de Lugo, onde permaneceu tres anos, antes de ser trasladado a un campo de concentración en Toledo. «De alí fugouse en 1942, cremos que con máis presos, e durante un ano andivo fuxido sobrevivindo como puido, incluso facéndose pasar por temporeiro en terras de Castela, ata que deron con el en Cantejeira, en León, e matárono, xunto a outros tres membros da súa partida, o 7 de maio de 1943», explica o seu bisneto. Os cargos que lle imputaron foron o asalto ás igrexas de Donís e de Moia, ademais de ser o cabecilla da sociedade que se constituíra nese tempo na parroquia de Donís.

Este primeiro traballo de Posín de Noudelo terá continuidade no futuro con outras obras, ambientadas tamén na guerra e na posguerra na comarca dos Ancares, desta vez, nas zonas de Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, para rematar de novo no corazón do concello de Cervantes.