Traducen ao inglés unha obra do autor de Sarria Manuel Darriba: «É unha nova vida para unha novela á que lle teño especial cariño»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

«O bosque é grande e profundo» é a primeira novela do escritor de Sarria Manuel Darriba traducida ao inglés.
«O bosque é grande e profundo» é a primeira novela do escritor de Sarria Manuel Darriba traducida ao inglés. CEDIDA

«O bosque é grande e profundo», un dos seus libros de maior éxito, acaba de saír ao mercado de fala inglesa

02 oct 2024 . Actualizado a las 11:35 h.

Boas novas para a literatura galega e, en concreto, para o guionista e escritor Manuel Darriba (Sarria, 1973), que acaba de ver como unha das súas novelas de máis éxito se abre paso nos países de fala inglesa. O bosque é grande e profundo (Xerais, 2013) —que xa fora traducida polo propio Darriba ao castelán (El bosque es grande y profundo, Caballo de Troya, 2013)— é tamén, desde hai unhas semanas, The forest is big and deep. «É a primeira novela que me traducen ao inglés», explica Darriba, aínda que ao castelán xa tiña traducidas tres: ademais de El bosque es grande y profundo, El billarista e Accidental, en Bruguera. «En todos os casos tiven editores de luxo: en Bruguera, a poeta e editora Ana María Moix, xa falecida; e en Caballo de Troya, Constantino Bértolo, que durante décadas foi un referente da crítica e a edición en España», continúa.

Para o seu salto ao mercado inglés contou co tradutor, filólogo, escritor e director da editorial Small Station Press, Jonathan Dunne, que ten «un coñecemento do galego abrumador». De feito, a editorial, con sede en Sofía (Bulgaria), conta con un amplo catálogo de literatura galega clásica e recente.

En calquera caso, máis ca a apertura da súa novela a un mercado máis amplo, Darriba destaca que esta tradución supón «unha satisfacción moi grande porque é unha nova vida para unha novela á que lle teño un cariño especial». De feito, tivo un grande éxito e unha repercusión moi positiva en canto á crítica: «Collage intelixente e lúcido, experimental, eco de avangardas xa vividas (...) necesarias neste tempo de literatura branda», publicaba Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia; ou «Unha das obras máis orixinais e innovadoras da literatura galega dos últimos anos», afirmaba Francisco Martínez Bouzas en Novenoites. O bosque é grande e profundo, nomeada ao premio de novela europea Casino de Santiago, narra un futuro postapocalíptico no que un bosque se enche de refuxiados de guerra, e ten como protagonistas a un rapaz fuxido, Hans, e á súa irmá menor, Greta, que queda atrás na cidade bombardeada.

Novos proxectos

Darriba compaxina o seu traballo como guionista para produtoras de dentro e fóra de Galicia coa escrita. No 2023, o seu poemario Radiante foi finalista no Premio Nacional de Poesía. Tamén publicou o álbum infantil Pedro, o piloto de gaivotas (ilustrado por Aida Alonso), dedicado ao seu fillo Pedro, como unha auténtica declaración de amor e co que percorreu toda Galicia cunha clara mensaxe inclusiva. Aínda que non descarta probar de novo coa literatura infantil, polo de agora ten rematado un poemario e un libro de relatos.