Como cada ano, o domingo das mozas, no parque que leva o nome da nosa poeta fundacional, ao pé da súa estatua, tivo lugar a ofrenda a Rosalía e, por algunha estraña razón, as chuvias que desluciron e minguaron a afluencia a practicamente todo o demais respectaron esta cita, ateigando o lugar aínda máis ca outros anos.
Ana Carreira e Marga Portomeñe foron escollidas para levar a cabo a ofrenda e, pola conexión de ambas co teatro, tomaron como punto de partida un dos poemas máis dramatizables de Rosalía: “A probiña, que está xorda”. Ambas puxeron voz á historia desa muller que, nunha noite de invernía, sobe a costa do Mar de Ovellas ata chegar á casa que fumega no cume, na procura da calor e o conforto da festa. Grazas ao seu enxeño, a vella consegue facerse cun oco na casa, rebordante de xente, e tomar, ao carón do lume, sete cuncas de caldo e unha boa ración de freba.
É este un poema de grande concreción toponímica (a costa do Mar de Ovellas, o val dos Anxos) que permite situalo, con toda precisión, nas terras da Amaía, no camiño real entre Santiago e Muxía que a propia Rosalía percorreu cando visitou a romaría da Barca, convidada pola familia Pondal. É, tamén, un dos poemas nos que máis explicitamente se fala da música tradicional galega e do mérito das letras de quen canta, xa sexa “o vello da zanfona” ou a muller das castañetas. Por iso, e pola descrición que contén dunha sociedade na que hai xerarquías e pobreza, mais tamén alegría, celebración e irmandade, resulta unha composición de innegable valor antropolóxico. Cónstanos que a propia Rosalía tiña grande talento escénico e que saíu a ombreiros da representación como protagonista dunha obra titulada Rosamunda. Teño para min que tería gustado enormemente desta ofrenda e do ambiente que a rodeaba, como nesa noite de festa da casa da montañesa.