Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Besteiro propón unha terceira vía para o galego: «O PP despreza a nosa lingua» e «as imposicións non funcionan»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Celebración do Correlingua 2023 na Coruña
Celebración do Correlingua 2023 na Coruña MIGUEL MIRAMONTES

O dirixente socialista pide apoio para o idioma como piar da cultura do país

12 oct 2024 . Actualizado a las 14:18 h.

Unha terceira vía para o galego. Foi o que acabou expoñendo este sábado, en Lugo, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, que pediu máis apoio para o idioma pero marcando distancias fronte ao PP e ao BNG. As críticas aos populares foron explícitas: «O PP despreza absolutamente a nosa lingua», dixo. Co BNG aforrou alusións concretas, pero non reprobacións: «As imposicións non funcionan», manifestou.

Despois de que unha enquisa amosase que un terzo dos menores de quince anos non saben falar galego, o dirixente socialista non dubidou en considerar esa situación una consecuencia dos quince anos de recente goberno do PP na Xunta, comezados coa vitoria electoral de Alberto Núñez Feijoo no 2009 e continuados logo. Mesmo asegurou que a situación actual do idioma era peor do que se podería ter imaxinado.

Para corrixir a situación, engadiu, cómpre que a Xunta espalle ideas posiitvas sobre a lingua. Fan falta, dixo, ideas en positivo porque dan prestixo ao galego, pero tamén campañas que divulguen a importancia de coñecelo. Sobre a importancia desas medidas non caben dúbidas, salientou: «A lingua galega é prioritaria porque é a nosa cultura». Tampouco as pode haber, explicou, sobre a súa urxencia: os datos coñecidos este venres obrigan a actuar «antes pronto ca tarde», dixo Gómez Besteiro.