«Vilalba, dona da Chaira»: o Concello elixe un verso de Manuel María para a súa promoción

LUGO

«Queremos que a xente pense 'apetéceme ir a Vilalba'», di a concelleira de Turismo
16 oct 2024 . Actualizado a las 19:53 h.«Vilalba, dona da Chaira» é o primeiro verso dun poema de Manuel María. Agora vén de pasar da literatura galega ao turismo, pois foi elixido polo Concello de Vilalba como eslogan da súa promoción. A concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, María Xosé Fernández, afirmou este mércores que así se rendía homenaxe a Manuel María, que mantivo una forte relación coa capital chairega, e asemade se elixía unha frase doada de lembrar: o obxectivo, subliñou, é «que sexa algo que quede na memoria da xente».
Para a concelleira, que pertence ao grupo de Vilalba Aberta, hai a vantaxe de que se trata dun verso curto e claro, co cal se pode lembrar sen dificultade. Tamén se espera que xere un desexo firme en quen o lea: «Queremos que a xente pense 'apetéceme ir a Vilalba'».
Aínda que o verso xa ten incorporado a un logotipo encargado polo Concello, a súa presenza en locais coma a oficina de turismo non será realmente eficaz ata o ano que vén. A razón está en que a devandita oficina abre nove meses ao ano, o tempo que dura o contrato da persoa encargada, e o período deste ano vai rematar axiña.

No deseño do logotipogo, por outra banda, non só hai lugares de Vilalba ben coñecidos, senón tamén unha figura á que, salientou a concelleira, se lle quixo dar un valor simbólico. A Vilalba dona da comarca chairega aparece, como explicou a concelleira este mércores, como «unha muller que sae da terra, empoderada».
Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004) tivo con Vilalba unha relación reflectida en amigos vilalbeses e na súa elección da capital chairega para actos importantes na súa vida. No Auditorio vilalbés, en febreiro do 2003, leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. No outono do 2002, no Centro Cultural e Recreativo, presentouse a edición do seu libro «Terra Chá», incluído na colección Biblioteca 120, promovida por La Voz de Galicia.
Campaña para que a Casa da Cultura leve o seu nome
Que a Casa da Cultura se dedique ao autor chairego é unha iniciativa que entidades coma o Instituto de Estudos Chairegos perseguen dende hai tempo. A proposta mesmo foi debatida nun pleno de hai meses; pero a falta de apoio do PP impediu que se acadasen os dous terzos de votos da corporación, necesarios para levar adiante unha iniciativa coma esa.
O poema elixido polo Concello como lema turístico tamén foi escollido polo Iescha, hai anos, para unha campaña que enxalzaba a relación do poeta coa vila.