Alberto Grandío, de Escobijazz: «O Festival de Jazz de Lugo é o máis potente e o máis antigo de Galicia»
LUGO
Comeza o venres 1 un dos principais eventos da cidade, con 24 concertos diversos no Círculo, no Clavi e na Casa do Saber ata o domingo 17
30 oct 2024 . Actualizado a las 17:21 h.Chega unha nova edición, a número 34, do Festival de Jazz de Lugo, un dos principais eventos culturais das últimas décadas na cidade. Desde mañá e ata o día 17, ducias de músicos de todo o mundo ofrecerán un total de 24 concertos no Círculo das Artes, no Club Clavicémbalo e na Casa do Saber da USC.
A lenda do jazz Bill Evans, a saxofonista nominada a tres Grammys Lakecia Benjamin, a multipremiada directora e compositora María Schneider, o tamén saxofonista Vincent Herring, o virtuoso trompetista Jeremy Pelt ou o icónico cantante Kenny Washington son algúns dos representantes do jazz internacional máis destacados. A nivel nacional, hai tamén grandes propostas, como a de Tana Santana Quinteto, Savoy Club Big Band ou a volta a cidade do recoñecido cantaor e músico lucense Kiki Cortiñas, entre outras.
Este festival, un clásico na axenda cultural lucense e que se leva celebrando de forma ininterrompida desde 1991, está organizado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música e que se constituíu como asociación cultural en 1990. Alberto Grandío é o presidente deste colectivo, que cada mes de xaneiro comeza a complexa labor de organizar a seguinte edición desta cita musical.
—Como xurdiu a idea de organizar o Festival de Jazz?
—Basicamente, de catro tolos aos que nos gustaba o jazz e decidimos organizar este encontro musical. O obxectivo non é medrar nin masificar o evento, senón seguir cumprindo coa calidade.
—Que destacaría do programa deste ano?
—É un programa diverso, porque a veces asusta a palabra «jazz», pero hai que ter en conta que o jazz non é un xénero uniforme. Son un total de 24 concertos de grupos galegos, nacionais e internacionais, con presenza tamén de bandas lideradas por mulleres. En canto a actuacións, hainas de máis fama ca outras, pero iso non significa que sexan de máis ou menos calidade. O jazz precisamente non busca a fama. As actuacións máis sonadas serán as de Bill Evans o día 8; a de Maria Schneider, que ten varios Grammys, o día 14; ou o lucense Kiki Cortiñas, máis flamenco ca jazz e que traballou con Tomatito.
—Está medrando a afección polo jazz en Lugo?
—Hai afección polo jazz e hai moita afección polo Festival de Jazz. Ademais, este é o festival máis potente e o máis antigo de Galicia, con diferenza. Ademais, cada ano vendemos todos os billetes para os concertos. Xuntamos uns 8.000 espectadores, que tratándose dun xénero minoritario coma o jazz, é unha barbaridade.
—Como vai a venda de entradas?
—Non paramos de vender. Para Bill Evans, por exemplo, os billetes xa están esgotados na venda en liña. A caseta para mercar as entradas de maneira presencial abrirá mañá ás 12.30 horas, na Praza Maior, para dar tamén a oportunidade á xente de Lugo de non quedar sen billete.
Programa do Festival de Jazz
Círculo das Artes
· 7 nov. 20.30 h. Lakecia Benjamin Quartet
· 8 nov. 20.30 h. Bill Evans & The Vans Band All Stars. Feat. Gary Husband, Felix Pastorius & Keith Carlock
· 9 nov. 20.30 h. Kiki Cortiñas «Mi sentir»
· 13 nov. 20.30 h. Soul Chemistry feat. Vincent Herring & Erena Terakubo
· 14 nov. 20.30 h. Maria Schneider & Clasijazz Big Band
· 15 nov. 20.30 h. Tana Santana Quinteto
· 16 nov. 20.30 h. Kenny Washington & Ignasi Terraza Trío
· 17 nov. 19.30 h. Savoy Club Big Band
Club Clavicémbalo
· 1 nov. 22.30 h. Ejazz / Charo Quicler
· 2 nov. 22.30 h. Federale (USA) en colaboración con Facela Fest
· 7 nov. 22.30 h. Pablo Sax Cuarteto
· 8 nov. 22.30 h. Pepe Zaragoza Quintet / Iván Rojas New Quartet
· 9 nov. 22.30 h. Crossing Quartet / Iván Rojas New Quartet
· 12 nov. 22.30 h. Terranova Brass Ensemble
· 13 nov. 22.30 h. Jeremy Pelt Quintet
· 14 nov. 22.30 h. Drumless Trío (Abe Rábade, Marcos Pin & Alfonso Morán)
· 15 nov. 22.30 h. Jo Young & Martín Otero / Martín Leitón Cuarteto
· 16 nov. 22.30 h. Inés Carreño / DayDream Sessions
Casa do Saber (USC)
· 12 nov. 20.30 h. Élia Bastida Trío (Entrada de balde)