Crispación

LUGO

26 nov 2024 . Actualizado a las 18:34 h.

 Segundo Nietzsche, na arte operan dous elementos contrarios que se atopan en tensión, dous principios que el mesmo denominou cos termos mitolóxicos de «apolíneo» e «dionisíaco». Fronte á tendencia idealizante, serena e clasicista que representa Apolo; atópase a subversión, o descontrol e a fantasía creativa do deus do viño, Dionisos. A evolución e o cambio na arte obedecerían a esta dicotomía, que tende a propiciar a alternancia de movementos clasicistas e anticlasicistas.

No eido ideolóxico ocorre algo semellante e iso explicaría a sucesión cronolóxica das tendencias progresistas e conservadoras que van marcando as diferentes etapas ou períodos. Nos dous extremos dun cabo do que terman distintos sectores sociais, atópanse as arelas de cambio e de permanencia, de liberdade e de seguridade, de autenticidade vital e de moralidade ancorada nunha trascendencia relixiosa. Mais o que estamos a vivir, o que vivimos xa moitas veces, é que —como acontece de feito na arte— o equilibrio de forzas non se traduce nun avance atemperado, senón en bafaradas nas que todo un equipo acaba derrubado polo chan como resultado da presión do outro. Ocorreu na Guerra Civil, na que, logo dun periodo de notables avances sociais en múltiples áreas, todo rematou como xa sabemos. Os que termaban da corda do progreso ficaron deitados polo chan e nas gabias das cunetas. Pasaron corenta anos nos que nin sequera puideron erguerse e volver coller a corda.

Canto meirande sexa a polarización social e a controversia, canto máis agres sexan os berros que transitan dunha a outra beira, máis aboamos o terreo para un deses refachos que o deitan todo polo chan e dos que tanto custa repoñerse. Mais, neste tren veloz do que non se adiviña a vindeira estación, semella difícil pensarmos cal podería ser o mecanismo para acougar a crispación e para preservar os avances en igualdade social, en dereitos humanos e en vida cabal.