Este sábado a Parca rachou a vida de Ramiro Geada. Era, foi, un home bo e xeneroso. Morador de Vilaxoán, Santaballa, a parroquia foi o centro do seu vivir e do seu traballar. Alí, el e Isabel fundaron liñaxe continuando a que estableceran os pais. Recordamos a Ramiro observando a chegada de avances mecánicos que mellorarían a vida no rural, demandando os servizos que se daban noutros lugares, aspirando a que chegasen boas estradas, renovando a igrexa parroquial, ocupándose de que as casas tivesen luz, indo dun lado a outro facendo diplomacia cando a concentración parcelaria chegou á parroquia e sendo un dos referentes no mantemento do centro de educación e instrución que noutrora foi a Liga.
En colaboración con outros veciños fixo incansables trámites para achegar os fondos necesarios que haberían rehabilitar un arquetipo de escola que había cen anos fundaran outros santaballeses dende A Habana. E sempre facendo bo o aforismo de que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita.
Este sábado manifestamos que o espírito de Ramiro non morrerá. Estará presente no campo de fútbol, na cooperativa, na escola da Liga e, sobre todo, na liñaxe que sempre coidou e da que sempre se ocupou. Estará presente a súa casa como referente de hospitalidade aberta a veciños, parroquianos e viaxeiros que a ela se achegaron. Para quen o coñeceu e para quen o tratou, o seu recordo quedara gravado nos aires que dende a Santa Eufemia ata o Carrizo vagan polos campos buscando a nobreza de vivir no campo, no rural.