![O acto correspondente ao 2017 celebrouse no cemiterio de Lalín](https://img.lavdg.com/sc/bjqWyCBYsuJ5PvI1Bl2oY6ooS8U=/480x/2024/12/16/00121734366482188660629/Foto/D01N7056.jpg)
O Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia celébrase este martes en Xermade
17 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Se a xente fala galego, ten que ser así». Luis Rodríguez Patiño, crego que atende cadansúa parroquia en Xermade (Momán) e en Guitiriz (Labrada) ademais doutras en Monfero e en Aranga, cre que o emprego do galego nos cemiterios debe ser proporcional ao uso do idioma que en vida tiveron as persoas alí enterradas. Porén, non ocorreu así, aínda que comezan a darse pasos nesa dirección que lle quedan moi preto.
No cemiterio de Momán, este martes, ás once da mañá, ten lugar un acto incluído no Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. A homenaxe é colectiva, pero tamén se singulariza cun veciño da parroquia alí enterrado. En primeiro lugar, colócase unha placa na porta do cemiterio; en segundo, substitúese unha lápida con inscrición en castelán por outra na que o idioma usado é o galego.
Ese cambio faise na campa de Jesús Paz Paz (1934-1995), coñecido como Suso o Panadeiro. O alcume reflicte o seu traballo. Naceu en Roca (Guitiriz), chegou a Momán para traballar nunha panadería e despois tivo negocio propio. En Momán casou e tivo fillos, pero foi tamén unha persoa moi implicada na vida da parroquia: o exemplo máis claro foi o seu labor na posta en marcha do grupo musical Novas estrelas.
![Lápida en galego no cemiterio parroquial de Meira](https://img.lavdg.com/sc/7oHAejNCyIOMiTyvbkED9b76U4w=/x75/2024/10/12/00121728752222615770491/Foto/L_20241009_191112003.jpg)
Lucía Paz Calvo, filla súa, comentaba este lunes que o lóxico sería ter empregado o galego na tumba de seu pai: «Era a tradición, non reparamos niso», dixo. Engadiu que non tivera ningunha dúbida cando o Concello xermadés lle fixo a proposta do cambio de idioma. Para Roberto García, alcalde de Xermade, o cambio tamén semella lóxico: «É normal que se a xente fala galego, se enterre en galego», explicou este luns.
O acto deste martes está organizado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, pola UNED Sénior da Coruña, polo Concello de Xermade e pola Xunta de Galicia.