Adrián Méndez, músico da Fonsagrada: «Somos unha mestura entre o cego dos Vilares e Bob Dylan»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

O gaiteiro Adrián Méndez, segundo pola esquerda, co resto dos integrantes da banda De Ninghures
O gaiteiro Adrián Méndez, segundo pola esquerda, co resto dos integrantes da banda De Ninghures CEDIDA

O gaiteiro do grupo De Ninghures fala dos proxectos da banda, que empezou a adiantar temas do seu novo disco, que verá a luz nas próximas semanas, no que mesturan música tradicional e contemporánea

07 ene 2025 . Actualizado a las 10:55 h.

Defensores da música de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición. Así se definen De Ninghures, a banda folk que toma como base a tradición musical galega e busca, á súa vez, sons diferentes de todas as partes do mundo e sen prexuízos: corridos mexicanos, rock saharauí, melodías cubanas, músicas do Magreb... Conformada por músicos de notable experiencia das comarcas da Fonsagrada, Bergantiños e Compostela, a banda está inmersa estas semanas na presentación do seu novo disco, que verá a luz, previsiblemente, a finais do mes que vén.

O grupo, que xa acadou varios recoñecementos, como o galardón á Mellor Música do Ano en Galicia dos Premios Ari(t)mar polo seu tema Morena, e que lanzou outros grandes éxitos, como a enérxica muiñeira de montaña Poço, está formado por Marta Álvarez (percusións), Manuel Fernández «Cataqui» (frauta, percusións e voz) e Adrián Méndez (gaita e zanfona), da Fonsagrada; Hadrián García (clarinete), de Carballo; e Manuel Lucas (guitarras, viola caipira e voz), Tomé Mouriño (acordeón, guitarra, ukelele e voz) e Aldara Palmeiro (violín e voz), de Santiago.

Por agora, lanzaron dous temas de adianto do seu novo disco. Por unha banda, Corazón alionado, unha canción intensa e pegadiza cuxo retrouso nace dunha melodía tradicional da Terra de Miranda e cuxas letras se inspiran en coplas tradicionais de diferentes puntos do país. Temén estrearon A burriña, unha peza que aborda a imaxe do traballo da muller e que se presenta coma un torrente de forza, ateigado de cordas vibrantes e país. A través de letras propias e da revisión de coplas tradicionais, fala do traballo da muller e a súa falta de recoñecemento malia o seu esforzo silencioso, constante e necesario.

Adrián Méndez (A Fonsagrada, 1996) á gaita e á zanfona, é un dos integrantes da banda. Dedicado en corpo e alma á música, leva tocando a gaita desde os 13 anos. Estudou musicoloxía, está vinculado a varias asociacións culturais, como o colectivo Petapouco e a Destempo (do que é fundador) e tamén é docente de baile. Explica que teñen varios concertos axendados para os inicios deste 2025, entre eles, o 1 de febreiro en Narón, na Gala Youtubeiras; e o 22 de febreiro en Bruxelas, no festival EmigraSON, onde compartirán escenario coas Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou Terbutalina.

—Como está sendo a acollida dos temas que lanzaron como avance do seu novo disco?

—Ben, están gustando bastante. É algo distinto do que viñamos facendo ata agora. Con eles estamos desvelando o camiño que imos ir tendo, cun pequeno cambio, que xa veu a raíz de Morena, a canción que nos fixo medrar. Seguimos mesturando a música tradicional coa contemporánea, aínda que o noso primeiro traballo era máis cru. Agora mantemos un estilo tradicional, pero metendo máis electrónica, un baixo eléctrico... modernizamos un pouco máis.

—Parece que está tendo moito éxito hoxe en día esa música de fusión.

—Estamos vivindo un bo momento para esa música de fusión, que está tendo moito éxito. Á xente gústalle escoitar esta música e as Tanxugueiras déronlle o empurrón que faltaba, deron a coñecer aínda máis este estilo musical.

—Como naceu De Ninghures?

—Coñecémonos na Foliada da Fonsagrada e, a raíz de aí, participamos nos Cantos de Taberna da Foliada de Melide do 2018. Alí gañamos o segundo premio e vimos que da nosa unión podía saír algo máis, así que comezamos a traballar cara a profesionalización, empezando cun repertorio máis tradicional. A pandemia fíxonos reflexionar moito sobre o grupo e a música e no 2022 lanzamos o noso primeiro disco, Aquí, que respondía máis ben ao folk dos anos 2000. De feito, comparábannos con Milladoiro. Pero o lanzamento do tema Morena, a finais do 2023, marcou un antes e un despois na nosa carreira, que vai cara outro tipo de mesturas electrónicas. Incorporamos música tradicional de diferentes lugares e adaptámola á tradición galega. Partimos sempre dunha base tradicional, que pode ser a melodía ou a letra, e despois incorporamos a composición propia.

—Buscan as letras comprometidas?

—Este novo disco é bastante reivindicativo e feminista. A burriña é un bo exemplo. Trátase dun tema dedicado á muller, á súa parte máis rabuda. É unha pequena homenaxe por esa parte do traballo que realiza, que quedou oculta durante moitos séculos de silencio.

—Que ten A Fonsagrada para estar tan estreitamente ligada á cultura musical?

—A Fonsagrada é historia da música. No noso caso, na banda somos tres músicos da Fonsagrada. E o tema A burriña, por exemplo, cantábao moito Florencio, o cego dos Vilares, que fixo moitas recollidas nos anos setenta. Pero temos máis temas que derivan da Fonsagrada. Carballo (Bergantiños) e A Fonsagrada están moi presentes na nosa banda porque son dúas comarcas con moita tradición musical. Eu creo que somos unha mestura entre Florencio, o cego dos Vilares, e Bob Dylan.