Espazos da memoria

LUGO

28 ene 2025 . Actualizado a las 17:38 h.

Nos últimos días, confluíron dous acontecementos aparentemente inconexos: a conmemoración dos 80 anos da liberación do campo de concentración de Auschwitz e a morte do escultor César Lombera, creador da icónica escultura das Dúas Marías na Alameda de Santiago de Compostela. Mais existe un nexo que liga estas dúas realidades: o da memoria histórica. A do nazismo e a da guerra civil.

Auschwitz é un deses espazos estarrecedores que visitan milleiros de persoas todos os anos, conmovidos pola lembranza que gardamos do que alí aconteceu e que moitos outros non queren visitar polo mesmo motivo.

Co desacougante Arbeit macht frei, acóllenos un espazo que, malia a súa aparente placidez e simetría, se carga densamente de significados e emocións, afastado de Birkenau pola presenza ominosa e silandeira dun dos vagóns dos trens da morte.

As dúas Marías semellan un enclave de signo contrario, mesmo alegre, no que milleiros de turistas fan fotos cada día, cun sorriso que subliña a vibración das cores das vestimentas de Maruxa e Coralia. Mais, como ocorre coas máscaras do teatro, a traxedia agóchase detrás do seu patético colorido.

Para Maruxa e Coralia, a extravagancia foi o xeito de furtárense á miseria e á depresión, ao sufrimento físico e moral á que as someteu a España franquista. Hoxe celebrámolas e lembrámolas como se merecen. As nosas rúas acóllenas a elas, a Ánxel Casal, a Alexandre Bóveda, a Castelao e a tantos outros que sufriron dun ou outro xeito a represión.

O artista César Lombera soubo crear un dos lugares máis emblemáticos da Galicia contemporánea, ateigado de memoria e significado. Maruxa e Coralia deixáronnos nos anos oitenta. Tempo suficiente para vermos o final da ditadura. Mais seguiron entre nós, collidas do brazo e camiñando pola Alameda, como a elas lles gustaba facer cada día ás dúas en punto.

Ben merecen que gardemos na memoria ao artista que soubo preservar, de xeito tan fermoso e eficaz, un anaco da nosa historia.