Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Celia Veiga, ilustradora de Lugo: «O meu primeiro libro está inspirado nun mural que pintaron os meus curmáns»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Celia Veiga acaba de publicar o libro infantil «Entre rías»
Celia Veiga acaba de publicar o libro infantil «Entre rías» CEDIDA

A escritora acaba de publicar a obra infantil «Entre rías», que presentará este sábado, día 22, no MIHL

18 feb 2025 . Actualizado a las 16:09 h.

A ilustradora, deseñadora e escritora Celia Veiga (Lugo, 2002), acaba de publicar o seu primeiro libro, Entre rías, editado por Editorial Gusanillo, en galego e en castelán. Graduada en Deseño e Tecnoloxías Creativas pola Universidad Politécnica de Valencia, Veiga participou na Prime the Animation, un festival de animación para novos talentos, e tamén colaborou na produción dalgúns videoxogos como Clara y Yema ou Equanimity. A súa paixón pola ilustración e o universo infantil lévana agora a sacar ao mercado un libro para nenos de entre 3 e 6 anos, escrito e ilustrado por ela mesma. Este sábado, día 22, ás 11.30, presentará Entre rías no MIHL, cun contacontos e un obradoiro infantil. O sábado 8 estará na libraría Soños de Papel.

—Como xurdiu a idea de escribir e ilustrar este libro?

—O libro está inspirado nun mural que pintaron os meus curmáns e a miña madriña. Nel representáronnos a cada membro da familia como se fósemos diferentes animais do bosque. Cando se cambiaron de casa e tiveron que tapiar o muro onde pintaran o mural, estaba no meu último ano de carreira e decidín tomar como referencia ese mural e crear o conto infantil Entre rías. O propio tribunal, ademais de darme unha boa nota, animoume a publicalo, e así dei coa editorial valenciana Gusanillo, que tamén me incluíu como ilustradora. O libro pódese adquirir na web da Editorial Gusanillo, nas miñas redes sociais ou na librería Biblos.

—Foi complicado o proceso de traballo?

—A miña especialidade é a ilustración e, neste caso, ademais de ilustrar o libro, tamén o escribín, e si que tiven dúbidas ao comezo sobre o ton que debería empregar tendo en conta que a obra vai dirixida a un público infantil. Pero tiven o apoio de moitas persoas próximas que traballan con nenos, sobre todo, o da miña irmá, e un dos principais consellos que me deu foi o de darlle musicalidade ao conto porque iso axuda á memorización e a captar a atención dos nenos. Así, o libro emprega unha linguaxe sinxela, chea de rimas e con moitas ilustracións.

—Sobre que trata o conto?

—Narra a historia duns paxariños que van cruzar a ría para ir vivir ao bosque. Así que os animais dese bosque únense para preparar unha cálida benvida aos paxariños. Lógrano co traballo en equipo, dando cada un o mellor deles mesmos, que é un dos valores que aprendín da miña familia. A obra ensina tamén valores como a amizade e a solidariedade.

—Ten previsto publicar máis libros?

—Agora mesmo estou facendo as ilustracións para un conto doutro autor. Crear Entre rías foi un proceso precioso, cun gran traballo que se viu recompensado pola boa acollida que está tendo, pero quérome centrar na ilustración.