
Tamén a Área de Cultura abriu, ata o 21 de marzo, as peticións para subvencións a asociacións culturais dos 67 concellos da provincia
10 mar 2025 . Actualizado a las 18:17 h.Este luns, 10 de marzo, abriuse o prazo para solicitar subvencións de concorrencia competitiva para clubs e entidades deportivas que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que conta cun orzamento de 600.000 euros. Os clubs teñen ata o 21 de marzo para solicitar as axudas, dirixidas a financiar gastos relacionados coa actividade competitiva como a compra de material deportivo e equipacións, custos de transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros.
As axudas oscilan entre os 500 e os 6.000 euros, o que supón un incremento de 1.000 euros no importe máximo, unha actualización derivada da concentración das axudas nunha única liña, fronte as dúas convocatorias anteriores (actividade competitiva e eventos).
Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licencias federativas e/ou equipos en relación co número total de cada disciplina), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, de acordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicadas o pasado venres no BOP. Prímase, de forma transversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. As bases e os formularios de solicitude están dispoñibles na web da Deputación.
Axudas de Cultura
Tamén este luns 10 de marzo se abriu o prazo de solicitude das axudas para asociacións culturais da Vicepresidencia, que supoñen un investimento de 500.000 euros (120.000 máis que na última anualidade). A convocatoria inclúe dúas liñas de axuda: unha para a realización de actividades culturais, dotada con 315.000 euros, e outra para melloras nas instalacións e no equipamento de locais, cun importe de 185.000 euros.
As bases e modelos de solicitude, publicados o 7 de marzo no BOP, están dispoñibles tamén na web cultura.deputacionlugo.gal, no apartado Programas e subvencións. O prazo estará aberto ata o venres 21 de marzo, incluído.