
A primeira volta das primarias para elixir a Secretaría Xeral Provincial será o 27 de abril, coincidindo coa elección de delegados e delegadas ao Congreso
15 mar 2025 . Actualizado a las 17:06 h.O Comité Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo celebrouse este venres á noite para aprobar as bases e o calendario do seu quinto Congreso Provincial Ordinario. A cita terá lugar o vindeiro 10 de maio na cidade de Lugo e «marcará un momento clave para o socialismo lucense, consolidando o proxecto do partido na provincia e reforzando a súa estrutura para os vindeiros anos», asegurou o secretario xeral provincial, José Tomé Roca.
Durante o Comité gardouse un minuto de silencio en recordo de Paula Alvarellos, como mostra de respecto e recoñecemento ao seu compromiso co socialismo e con Lugo. Segundo o calendario aprobado o proceso congresual dará comezo coa presentación de precandidaturas ás primarias entre o 24 e o 28 de marzo, seguido do período de recollida de avais ata o día 7 de abril.
Primeira volta das Primarias
A primeira volta das primarias para elixir a Secretaría Xeral Provincial será o 27 de abril, coincidindo coa elección de delegados e delegadas ao Congreso. En caso de ser necesaria unha segunda volta, celebrarase o 4 de maio. Ademais, as agrupacións municipais poderán presentar emendas ao Relatorio Marco ata o 27 de abril, e a memoria final de emendas será remitida aos delegados entre o 5 e o 6 de maio.
Este quinto Congreso socialista supón unha oportunidade para fortalecer a organización e marcar as liñas estratéxicas para os próximos anos. «O Partido Socialista sempre foi a mellor ferramenta para transformar a sociedade, e en Lugo estamos preparados para seguir avanzando con máis forza ca nunca», asegurou Tomé, que probablemente podería repetir a súa candidatura. Concluíu a súa intervención facendo un chamamento á participación activa da militancia neste proceso para seguir «construíndo unha provincia máis xusta, máis igualitaria e con máis oportunidades para todos e todas».
O secretario xeral provincial aproveitou o encontro, que chegou días despois da consolidación do liderado de José Ramón Gómez Besteiro no Congreso Nacional do PSdeG-PSOE, para valorar e animar ao novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen asume esta nova responsabilidade con compromiso polo proxecto socialista na cidade. Do mesmo xeito, expresouse o apoio firme á María Loureiro tras a moción de censura. O PSOE de Lugo manifestou o seu respaldo a Loureiro e denunciou a manobra como unha traizón aos valores progresistas e á vontade da cidadanía de Viveiro.