Jesús Fonte, presidente de Protección Civil de Guitiriz: «A maior satisfacción é poder axudar»

André Siso Zapata
ANDRÉ S. ZAPATA LUGO / LA VOZ

LUGO

Jesús Fonte deixa o Concello, pero continúa á fronte da Protección Civil de Guitiriz.
Jesús Fonte deixa o Concello, pero continúa á fronte da Protección Civil de Guitiriz. SUSO PENA

Jesús Fonte deixa o seu posto no Concello por xubilación tras 42 anos, pero seguirá ao pé do canón como presidente da agrupación de Protección Civil

16 mar 2025 . Actualizado a las 19:13 h.

Ser voluntario significa moitas cousas. Ofrecerse a axudar sen pedir nada a cambio non é algo habitual, e menos cando o auxilio que prestas pode poñerte a ti mesmo en perigo. É por iso que as persoas como Jesús Fonte (Guitiriz, 1959) son cada vez máis escasas. Traballador do Concello de Guitiriz desde hai máis de catro décadas e actual presidente da agrupación de Protección Civil, Fonte xamais colgou unha chamada cando alguén podía precisar a súa axuda, por menor que fose o asunto.

Agora, a hora da xubilación fai que teña que deixar o seu posto no corpo municipal, pero aínda se ve con ánimos para continuar á fronte do servizo de Protección Civil. Porque quedando na casa non se axuda a ninguén, e esa é unha vida que Fonte non pretende vivir.

—Deixa o Concello, pero non a agrupación. Por que?

—A xubilación obrígame a marchar do concello, pero permíteme seguir en Protección Civil, xa que é algo voluntario. Eu aínda teño ánimo e vontade para botar unha man, así que mentres a saúde mo permita, aquí vou estar.

—Non é un labor doado.

—Non é algo que poida facer calquera, sobre todo tanto tempo como levo eu e algúns compañeiros. Hai que ter algo correndo polo sangue que che faga sacrificar outras cousas por estar sempre aí para axudar. Nós estamos dispoñibles as 24 horas e traballando gratis, que moita xente parece que non o sabe.

—Haberá veces que teña que deixar o que está facendo para poñer a gorra.

—Onte mesmo. A min o fútbol nin me vai nin me vén, pero estaba vendo o partido do Real Madrid cando me chamaron porque faltaba unha señora da súa casa en Parga. Nada máis colguei o teléfono apaguei a televisión, erguinme do sofá e fun aló. É o compromiso que temos.

—Entendo que acabou todo ben.

—A muller apareceu ao pouco rato, si.

—Aínda así, estas intervencións deben ser tensas.

—Moito. E teño visto de todo.

—Ten malos recordos?

—Uns cantos. O máis frustrante e non poder salvar a alguén ou que lle arda a súa casa nun lume. Esas cousas non as esqueces. Ou cando che toca algún suceso de cerca, como me pasou a min hai unhas semanas. Fun a un accidente no que uns rapaces envocaran o coche. Cando cheguei, aínda estaban saíndo. Vinlle a cara a un deles e quedei de pedra, porque dinme conta de que era meu sobriño. Iso marcoume moito porque pásache o peor pola cabeza nese momento.

—E algún recordo bo?

—Moitos. Sobre todo de intervencións que saíron ben. Houbera un caso dun home de Guitiriz que alugaba bicicletas. Moi querido na zona. Tivo un incendio na casa e logramos que non ardera.

—Nestes 42 anos pasaría por tódolos traballos do Concello.

—Cando entrei, conducía a carroceta de incendios. Logo, fun conserxe no instituto que estaba no que hoxe é o Concello. Pasei por moitos oficios, e acabei de encargado no GES e de presidente en Protección Civil.

—Con que sensación marcha?

—Con moita satisfacción. A maior, a de ter axudado a tanta xente. E tamén polo cariño que me trasladaron sempre desde o Concello, desde os compañeiros ata os alcaldes e alcaldesas que foron pasando durante todos estes anos. Tiven as miñas discusións con todos, pero sempre honestamente. Penso que souberon valorar que fun un home traballador e que sempre estivo aí para botar unha man. Iso cáusame moito orgullo.

—A comarca cambiou moito nestes últimos 42 anos. A mellor ou a peor?

—Pois depende en que. Recordo cando se fixo a autovía. Dicían que Guitiriz ía quedar illado e dous anos despois creo que pasaba máis xente da que nunca pasara por aquí. As cousas ás veces non son tan boas ou tan malas como parecen de primeiras.

—A que se dedicará agora?

—Aínda que me xubile do Concello, podo seguir traballando noutras cousas. Se aparece algo, nunca se sabe. Iso si, no verán quero estar libre, que sempre me gustou moi ir ver ás orquestras.