Ás veces, os netos preguntan sobre o pasado, pedindo claridade sobre cousas que o tempo se encarga de facer dubidosas. A última pregunta foi sobre Unamuno, que a muller de Franco tivo que protexer na Universidade de Salamanca, diante do perigo certo dun tolo xeneral alporizado porque o profesor lle espetou a verdade de «venceredes pero non convenceredes».
Millán Astray, que avogaba pola morte da intelixencia, e quixo fusilar a un camareiro do Méndez porque só pretendía servirlle o «prato único» que impoñía o goberno, nunca podería entender a un intelectual, por pertencer a mundos e tempos distintos, con sensibilidades contrapostas. Eran tempos convulsos, dixen, e completei a explicación coa frase de Ortega que, cando veu comezar a deriva da República, advertíu «non é iso; non é iso…».
Non menos convulsos son os tempos de hoxe, cando parece como se as guerras se programasen como desafogo de todo tipo de pulsións, e cando non é a invasión de Ucraína por Rusia, é o conflito palestino con todas as súas derivadas, problemas en África, ou ataques de Trump no Yemen para eliminar perigosos terroristas. Confeso que canto máis me informo menos sei da realidade e posibles evolucións futuras. E se antes era Rusia o perigo certo para occidente, agora parece ser Trump o peor inimigo, sen descartar a China que nos vai absorber coa súa economía inmersiva.
Menos mal que os netos non preguntan por temas de hoxe, senón por cousas antigas, do século XX e máis atrás. Non sei se é que deste século nin lles falan, se o panorama é tan negro que é mellor calar, ou pasan da visión da contorna para refuxiarse na memoria histórica.