Ave, Miguel, Alcalde... Os que andan a sufrir, saúdante!. Xa perderamos a conta do tempo que levamos esquivando obstáculos polo centro da cidade por mor das obras que hai que soportar para a peonalización case total do corazón lucense, e que comprendemos hai que sufrir aínda que non coidabamos que as molestias ían ser tan fortes e duradeiras.
O problema da longa duración complicouse pola simultaneidade en varias rúas, e que houbera que sacrificar pavimentos que non sabían de tráfico mentres outros se renovaban, coa necesaria reparación posterior do desfeito. Pero o difícil de asimilar é que Quiroga Ballesteros teña un novo pavimento manifestamente agredido, e que, xa que o hai que reparar, se faga pasar o tráfico por alí mentras se acaba de amañar Santo Domingo e se repara San Marcos.
Que eu teña chegado a perderme neste laberinto provisional non me fai dubidar da miña capacidade, xa que a situación, aparentemente caótica, permíteme achacalo á provisionalidade que parecía definitiva, facéndonos sospeitar que o estado de obras era o mellor xeito de prepararnos para as limitacións peonís que nunca poden ser máis onerosas ca a situacion actual.
Facía falla un toque de atención que demostrase que alguén controlaba a situación, e foi a nova primeira autoridade municipal a que evidenciou a consciencia do caos experimentado durante tanto tempo, e entendo que ? a noventa días vista - a satisfaccion foi xeral e ? superando distancias e situacións ben diferentes- lembrei aquela vella canción de Carlos Puebla que proclamaba moi ás claras «llegó el Comandante, y mandó a parar». Era hora.