Ao sentar, cada semana, para escribir un artigo coa ollada e a perspectiva posta en Lugo e na súa provincia síntome, a miúdo, coma Miss Marple, esa adorable velliña creada por Agatha Christie, ben diferente do estirado Hércules Poirot, malia que en ambos sexa ben importante —como o é para todos nós— a procedencia: belga el, de St. Mary Mead ela. Unha das ideas que Miss Marple evoca é que o seu pequeno lugar de orixe constitúe un microcosmos que contén todo o que acontece no mundo. E eu coido que así pasa tamén coa nosa cidade e a bisbarra que a rodea.
As grandes preocupacións globais teñen o seu correlato en Lugo: fálase de crise da vivenda e, de súpeto, atopámonos con que o alugueiro acada cifras récord e imposibles na nosa cidade; engrósanse os casos da violencia de xénero e, velaí, de cando en vez, a nosa contribución á cifra global; faise cada vez máis patente a preocupación medioambiental e convertémonos no epicentro das reivindicacións polo territorio para salvar a comarca da Ulloa e o conxunto de Galicia.
Lugo non é unha illa. E, dentro deste entramado de interrelacións e globalización, ningunha illa o é tampouco, nin sequera a Gran Bretaña, malia que agora corran tempos de aranceis, fronteiras e individualismo. Por iso é lóxico que, nesta semana dominada polas novas das caídas da bolsa, un dos buques insignia da produción industrial na nosa costa, Sargadelos, ameace tamén con afundirse. Nos tempos convulsos que semellan intuírse no horizonte, Lugo enfrontarase a numerosos retos e o desafío consiste en facermos fronte ás dificultades sen traizoarnos nin hipotecarmos o futuro. Sargadelos ten garantido un lugar na nosa historia cultural, ligado á figura inmensa de Isaac Díaz Pardo, que amosou que se pode facer industria con conciencia e compromiso, respectando o territorio e enriquecendo o pobo. Será isto tamén posible no futuro?