Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Fuxan os Ventos... pero dentro

María L . Sández

LUGO

16 abr 2025 . Actualizado a las 19:40 h.

O trebón do pasado venres afectou gravemente ao auditorio Fuxan os ventos de Lugo. As autoridades municipais víronse obrigadas a suspender unha actuación e, como quixo a sorte que o afectado fose un cómico, deixou, para a posteridade, unhas interesantes declaracións que quero compartir cos lectores: «Moi ben o arquitecto que fixo un auditorio para Almería», «Cando chove non se escoita nada porque o teito está tan mal feito».

Isto non é cousa nova. Eu mesma sei dunhas casas de mestres feitas sen xanelas abertas ao exterior, absolutamente desconcertantes, que semellan pensadas para o deserto do Sáhara. Nesta ocasión, seica se trata dunha aposta estética (o resultado é arrepiante). A nosa xeografía está inzada de exemplos semellantes. O fermoso Colexio Universitario, no que comecei a carreira de Filoloxía, padece hoxe graves problemas construtivos por non estar concibido para soportar o peso dos laboratorios. Desacouga velo coas persianas caídas de medio lado, coma unha besta que pecha os ollos, fundida na contorna do río e as carballeiras.

Mais esta brincadeira que nos fai sorrir pola absoluta falta de aplicación da lóxica, apunta, nunha análise máis profunda, a problemas sistémicos de grande relevancia, un deles o que fala da importancia de adaptarse ao contexto, de respectalo, de telo en consideración; e tamén de que a estética se conxugue coa funcionalidade, sen ignorala. O que facemos con algúns proxectos arquitectónicos é unha poderosa metáfora do que acontece no terreo da cultura global. Comezamos por non respectarmos o noso (o territorio, a lingua, a climatoloxía), por pensarmos que calquera cousa é exportable sen máis, sen raíz nin contexto, e rematamos cun auditorio no que o nome de Fuxan os Ventos, no canto da evocación do máis senlleiro dos nosos grupos musicais, semella a broma de que efectivamente os ventos zoan no auditorio, mais por dentro.