Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O concelleiro do BNG de Vilalba eloxia a postura de Fraga ante o galego: «Teño que dicilo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Pleno de Vilalba celebrado este xoves, con edil do BNG, Tino Alvite, en primeiro termo
Pleno de Vilalba celebrado este xoves, con edil do BNG, Tino Alvite, en primeiro termo PALACIOS

O concelleiro Tino Alvite salienta que o político vilalbés tivo na Xunta «máis sensibilidade ca os seus sucesores» en cuestións lingüística

29 may 2025 . Actualizado a las 21:21 h.

Manuel Fraga estivo presente no pleno que a corporación de Vilalba celebrou este xoves. O concelleiro do BNG lembrou a actitude de quen presidiu a Xunta de 1990 ao 2005, e recoñeceulle unha postura de respecto ao galego que non viu nos seus sucesores: «Teño que dicilo», afirmou Alvite sobre as actitudes de Fraga.

O representante nacionalista obtivo o apoio do PSOE e de Vilalba Aberta á súa proposta de máis apoio ao galego; atacou o «vergoñento» contexto de diminución de horas de emprego do galego no ensino, e concluíu que Fraga amosou «máis sensibilidade» ca os seus sucesores no emprego do galego.

O PP, que votou en contra, lembrou que estaba en marcha unha iniciativa da Xunta con varias medidas (entre elas, o uso da TVG como canle que favoreza unha maior circulación social do idioma), e criticou o fondo da plataforma Queremos Galego como un movemento «satélite» do BNG. O concelleiro José María García-Leira Boado propuxo que se votasen os puntos da moción por separado ou que se retirase a adhesión a Queremos Galego como unha maneira de acadar unanimidade.

Pleno de Vilalba celebrado na Casa da Cultura
Pleno de Vilalba celebrado na Casa da Cultura PALACIOS

Non conseguiu ese obxectivo, e si, porén, tivo que escoitar críticas. O socialista Luis Fernández salientou que o galego, coma o catalán ou o vasco, son linguas cuxa protección recoñece a Constitución, e criticou a connivencia do PP cos "cortesáns madrileños" pra desprezar outros idiomas.

García-Leira Boado cuestionou que houbese unha campaña organizada contra o galego. O debate acabou chegando á polémica pola inclusión do galego, do euskera e do catalán como linguas de emprego recoñecido nas institucións da Unión Europea, e García-Leira explicou que o PP non se opoñía a iso, pero si a "darlle a razón a Puigdemont". Aínda tivo tempo de botarlle en cara ao PSOE a súa relación co Bloque, que considerou de total subordinación: "Seguiredes perdendo as eleccións como non cambiedes a política", dixo.

«A min o que me interesa é o galego», replicou Luis Fernández. A alcaldesa, Marta Rouco, interviu para lembrar os tempos nos que José María Aznar, necesitado do apoio de CiU pra chegar á presidencia do goberno e pra manterse despois no poder, confesaba falar catalán na intimidade.