Mónica Alonso, artista: «Galicia é verde e amarela»

A FONSAGRADA

MIGUEL BLANCO

A nova académica de Belas Artes traballa nun proxecto de psicohabitación e di que lle gusta vestir de verde, nunca de negro

08 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) leva case toda a vida analizando as cores, a diversidade cromática que nos rodea e a influencia que ten na nosa vida. Artista singular, acaba de ingresar na Academia de Belas Artes amosando a boa saúde das vangardas en Galicia.

—Como senta iso de ser académica?

—Estou moi contenta e ilusionada. Faime ilusión poder compartir experiencias con outros académicos.

—En que proxecto está agora?

—Estou iniciando un novo proxecto sobre a psicohabitación e as calidades psicolóxicas do dormitorio a través da mediación. Eu medio entre o espectador e a obra. E tamén traballo nunha liña de investigación sobre a percepción cromática en mulleres de diferentes grupos sociais e culturais da cidade de Lugo.

—Como é iso da psicohabitación?

—Todos temos un espazo aprendido que vén da infancia. Ás veces temos algún problema ou desconcerto nos espazos nos que vivimos, algo que non funciona. Así que a psicohabitación analiza eses espazos para recompoñelos e que queden en harmonía. Son unha serie de terapias sobre o dormitorio da infancia e os dormitorios intermedios que a persoa tivo ao longo da súa vida. E chegamos á construción dun espazo ideal para o espectador.

—É como unha consulta.

—Si. O espectador pasa a ser cliente paciente. Xa levo moitos anos traballando con este tipo de percepción espacial. Na actualidade síntome o suficientemente cómoda como para iniciar a relación directa co espectador.

—E a obra artística sería o resultado do seu diagnóstico logo da conversa co espectador.

—Si. O diagnóstico é facer un debuxo sobre ese espazo ideal. Ou unha maqueta.

—Ten moita demanda?

—Por agora estou empezando. Teño en marcha tres.

—Todo isto ten algo que ver co «feng shui»?

—Hai anos estudei estas teorías. Son bastante lóxicas, entón, parte da miña aprendizaxe vén do feng shui.

—Vostede traballou moito nas cores e as emocións. Diga, cal é para vostede a cor da alegría?

—O amarelo.

—E a da tristeza?

—Depende da persoa. O negro, e segundo a intensidade baixaría a tons grises.

—A da paixón?

—Igual que o amor, o vermello.

—E daríalle unha cor, por exemplo, á fame?

—Marrón.

—E a Galicia?

—Como a flor do toxo: verde e amarela. Verde da exuberancia da terra, e amarela da luz, porque eu interpreto unha Galicia en ledicia, en positivo.

Pilar Canicoba

—Seguro que dedicou moito tempo a distribuír as cores da súa casa.

—Si, bastante. O salón, en principio, tíñao de cor laranxa, porque quería algo potente, pero facíase un pouco insoportable. Así que baixei a un amarelo sol. Os espazos intermedios están nun verde intenso; o meu estudo é verde máis clínico, porque alí preciso concentración. E o dormitorio é azul ceo coa cama verde, porque é como durmir nas nubes, que é o que me apetece.

—E cando dorme fóra, dorme mal?

—Non, porque son moi curiosa e desexo ter experiencias distintas para aprender. Durmir en calquera lugar é interesantísimo.

—E cando se viste, tamén será coidadosa coas cores.

—Eu visto sempre monocroma, é unha necesidade estética, porque a mestura de cores distráeme. Normalmente vou de verde, porque é unha cor de diálogo, relaxante e ten presenza.

—Non o pensamos, pero a cor da roupa pode facer que fracase unha cita ou unha entrevista, ou o contrario.

—Eu creo que si. Coa cor transmites moitísimo. Moita xente elixe o negro, por ser a cor da elegancia, pero para min é unha cor moi triste. Non teño ningunha prenda negra. Non son capaz de poñela.

—Vostede viaxou bastante. Onde traballou máis a gusto?

—Todos os lugares incidiron dun xeito importante porque foron elixidos. Se teño que quedarme con un onde me sentira especialmente ben traballando, foi en México.

—Celta ou Dépor?

—Celta. Sigo o fútbol polo meu fillo, pero eu non son futboleira.

—Cando era nena, que quería ser de maior?

—Artista plástica. Dicíao dende que tiña 6 ou 7 anos: «Eu quero ser artista como Picasso». O que non lembro era onde vía a Picasso. Sempre tiven boas calidades técnicas e tiven a sorte de que os meus pais me apoiaron e me enviaron estudar fóra.

—Como diría que é vostede en poucas palabras?

—Son unha persoa sensible, excesivamente empática e creativa.

—Agora teño que preguntarlle de que cor é vostede

—Eu creo que son nalgúns momentos cor carne, e noutros, amarela.

—Que fai co tempo libre?

—A min, o que me encanta facer, é todo tipo de creación. Encántame ler, tamén. E ao que dedico moito tempo é a camiñar. Hai tempo que decidín que teño que saír camiñar todos os días.

—Diga algo que lle resulte repugnante.

—O fascismo, o desprezo pola xente pobre, a fame... Todo tipo de inxustiza e discriminación sobre as persoas desfavorecidas.

—Cal é o seu mellor momento do día?

—A mañá, cando me dedico á creación.

—Un lugar onde se sente feliz.

—Síntome feliz cando vou á Fonsagrada.

—Sabería facer unha empanada?

—Si. A cociña gústame e considero que a comida é fundamental, polo que procuro dedicarlle o maior interese posible. Creo que cociño bastante ben.

—Unha canción.

Tempestades de sal, de Sés.

—O máis importante na vida?

—A felicidade. E a saúde.

—E agora voulle facer unha pregunta que non tiña prevista. Por este anaco que levamos falando, de que cor cre que son eu?

—Ha, ha. Azul, non... verde, tampouco... Eu diría que vostede é fucsia.