A Fonsagrada despide a César Fernández, un dos gaiteiros con máis sona da comarca
A FONSAGRADA
Nado no Queixoiro en 1927, foi unha das figuras máis emblemáticas da música tradicional galega na comarca
08 feb 2023 . Actualizado a las 18:02 h.A Fonsagrada di adeus a una das figuras máis emblemáticas da música tradicional da comarca. César Fernández, máis coñecido como César de Montixo, en referencia ó nome da súa casa familiar en Leituego, era coñecido por tocar a gaita, pero moitos dos seus amigos e veciños tamén o recordan coa caixa e o birimbao dun lado para outro.
César Fernández naceu en 1927 no Queixoiro, unha pequena aldea fonsagradina que o viu medrar, e na que comezou a cultivar o seu gusto pola música dende ben pequeno. Este veciño da Fonsagrada aprendeu a tocar a trompa e a gaita pola súa conta e, os máis próximos a el, recórdano cantando a todas horas.
César de Montixo, distinguido co Butelo de Ouro polo Concello e A Fonsagrada, foi unha figura clave na recuperación da trompa e o birimbao. Ademais, era un home, segundo aseguran os seus achegados, que sempre estaba disposto a botar unha man e a iniciar novos proxectos cos veciños da comarca.
Tanto é así, que o fonsagradino participou na película «Gaiteiros de sona» (Manuel Fernández, 2001), un filme sobre os músicos da zona, onde quedou recollida gran parte da súa música e da súa famosa retranca.

O fonsagradino casou con Genoveva Fernández en Leituego, a aldea dela, onde pasaron a maior parte da súa vida. Pero, anos máis tarde, a parella trasladouse a Bilbao varios anos, onde tiveron aos seus catro fillos: Matilde, José, Sergio e Manuel. Agora, César deixa tamén catro netos e dous bisnetos.
A Fonsagrada queda orfa dun dos músicos con máis sona da súa terra na antelasa da vixésimo sexta edición da Festa do Butelo, pero o certo é que o gaiteiro deixa un gran legado na Fonsagrada, o lugar que o veu nacer, crecer, aprender, namorarse e seguir aprendendo.
Enterro
O funeral do fonsagradino terá lugar este mércores, 8 de febreiro, a partir das 16.30 horas, con saída do tanatorio da localidade ata o cemiterio parroquial de Pacios de Mourisco.