Primitivo Iglesias, alcalde de A Pastoriza: «Estas festas son especiais porque son as últimas do verán»

Laura López LUGO / LA VOZ

A PASTORIZA

Primitivo Iglesias, alcalde de A Pastoriza
Primitivo Iglesias, alcalde de A Pastoriza PALACIOS

A localidade chairega celebra os festexos entre os días 2 e 4

31 ago 2022 . Actualizado a las 08:58 h.

A Pastoriza celebra as festas do San Salvador entre os días 2 e 4. O alcalde, Primitivo Iglesias, destaca a súa variedade.

—Había ganas de festa na Pastoriza?

—Evidentemente. Despois de dous anos de parón pola pandemia, sen festas, a xente ten ganas de xuntarse, ten ganas de festa, e iso séntese. Estas ganas son un dos principais motivos polo que os festexos deste ano están tendo un éxito inaudito en todas as parroquias.

—Que novidades ten o programa deste ano?

—Para min, a principal novidade é que son dúas rapazas novas as encargadas de organizar as festas. Que a xente moza se implique, con novas enerxías, é moi importante.

—Que destacaría do programa deste ano?

—Máis ca o nome das orquestras, o principal é que se trata dun programa moi variado, tanto para xente nova, como para meniños ou persoas maiores. O importante é a diversidade, para que todo o mundo participe.

—Agárdase moita xente para estes días na Pastoriza?

—Si. Estas festas son especiais porque son as últimas do verán, e a xente quere aproveitar ata o último momento e levar un grato recordo. Así que convidamos a todo o mundo a que se achegue á Pastoriza a pechar a etapa de verán. Esperemos que o tempo se porte ben e as festas poidan lucir.

—Hai máis festas previstas pola zona proximamente?

—A verdade é que estamos servidos de festas. Esta primeira fin de semana de setembro, por exemplo, tamén haberá festas en Fonmiñá, en Cadavedo e en Abadín.

Programa das festas

VENRES 2

· Verbena a partir das 22.30 co dúo Calú, líder en ránking de orquestras de Galicia

SÁBADO 3

· 14.00h. Misa, procesión e sesión vermú con Acordes

· Verbena coas orquestras Acordes e Charleston

DOMINGO 4

· 12.00h. Misa, procesión e actuación da Escola de Música e Baile Tradicional da Pastoriza

· Sesión vermú prolongada con D’Nika