Begoña Álvarez, panadeira de Os Ancares: «Cocía pola noite, e repartía pola mañá; pasaba días sen deitarme»

PAULA ÁLVAREZ / M. G. LUGO / LA VOZ

AS NOGAIS

O forno de Panadería Ricardo leva máis de 40 anos funcionando.
O forno de Panadería Ricardo leva máis de 40 anos funcionando. Paula Álvarez

Despois de 50 anos rexentando unha panadería en As Nogais, a Begoña non lle gustaría deixar de traballar

20 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballar non é tan duro cando amas o que fas. E se non, que llo digan a Begoña Álvarez Ferreiro, quen despois de 50 anos sen durmir unha noite completa, só segue tendo palabras de agradecemento cara a súa profesión. Un traballo duro, que lle trouxo moitas horas sen descanso, pero que «me permitiu saír adiante cando máis o necesitaba», confesa a panadeira máis coñecida de As Nogais.

Con tan só 19 anos, a vida de Begoña colleu un rumbo diferente ao de calquera con esa idade hoxe en día, pois deixou atrás o fogar e dispúxose a traballar no negocio familiar da súa parella, xa coñecido daquela coma Panadería Ricardo, situada no Concello de As Nogais. A necesidade obrigouna a aprender e, sen saber nada do oficio, foi quen de tirar por un comercio que moitas veces parecía virse abaixo. As cousas non foron fáciles, as circunstancias levárona a quedar soa na panadería e aínda agora non pode evitar as bágoas ao recordar «os momentos de preocupación e medo que pasei».

Con todo, ese medo non foi suficiente para que esta panadeira tirase a toalla. Segundo conta, a ilusión sempre pesou máis que o mal de vivir sen descanso, e as ganas por traballar superaron as dificultades que Begoña, como muller divorciada ao fronte dun negocio, puido atopar naqueles anos cando decidiu seguir adiante. «Fun aprendendo pouco a pouco e dinme conta de que o podía facer coma calquera», explica.

Nos primeiros anos, collía o seu coche modelo 4L e marchaba repartir o pan pola mañá, despois de cocer toda a noite. Nin ela mesma explica como foi quen de soportar ese ritmo de traballo: «pasaba días sen deitarme, lavaba os ollos na fonte e seguía funcionando». Anos despois, a situación cambiou, o negocio foi medrando e comezou a contar con empregados, sobre os que recaen agora as tarefas da panadería. A xefa, como lle chaman eles, está xubilada. E, aínda que segue «dando voltas», a propietaria é a súa filla.

O cariño que Begoña puxo sempre na elaboración dos produtos non pasa desapercibido para os compradores. Moitos chaman preguntando por ela, non só para encargar pan, senón para pasar un anaco agradable falando. «Gústanos recordar vellos tempos. Quero moito aos meus clientes, e eles a min tamén. Hainos que son amigos porque coñezo toda a súa vida», explica ilusionada. Tantos anos detrás dun mostrador que recibiu a tanta xente obrígana a destacar o contacto cos clientes coma un dos aspectos máis positivos.

Ademais, fitos históricos coma a construción da autovía ao seu paso por As Nogais nos anos 90 dificultaron tamén a situación económica de pequenos negocios coma este que naquel momento perderon unha gran cantidade de clientes ao verse reducido o tráfico da vila. Pero todo esforzo ten a súa recompensa; en tempos duros coma este que relata Begoña, a Panadería Ricardo seguiu traballando arreo e mellorando os seus produtos típicos ata gañar clientes de practicamente toda España.

Productos típicos

Ademais do pan, a Panadería Ricardo destaca polas súas empanadas. De carne, de bonito e galega; tamén de diferentes ingredientes por encargo como polbo, setas ou zamburiñas. Todas elas levan lonxe este nome, pois é moita a xente que sempre fai unha parada ao ir ou vir de viaxe. «Vendemos para Madrid, Barcelona e incluso en Suíza», manifesta ao mesmo tempo que recorda o que lle custou chegar a coñecer tanta xente. E a que lle queda porque, segundo conta, a xubilación é só un trámite. Despois de 50 anos cocendo, Begoña quere «morrer agarrada ao forno do pan».

O pan de toda a vida

A elaboración dun pan similar ao caseiro depende de moitos factores. No caso de Panadería Ricardo, a aposta polo uso de trigo e centeo do país fai que o pan sexa o máis similar posible ao que se facía artesanalmente nas casas. Ademais, manter en uso o forno, con máis de 40 anos de historia, fai que estes bolos e barras teñan un sabor diferente.

Esta panadería ofrece bolos e barras, de centeo ou trigo, e de diferentes tamaños.
Esta panadería ofrece bolos e barras, de centeo ou trigo, e de diferentes tamaños. Paula Álvarez