O municipio ancarés contará este sábado cunha chourizada popular e o domingo darán paso á apertura de stands gastronómicos
27 may 2023 . Actualizado a las 17:09 h.As Nogais acollerá este sábado e domingo a súa tradicional Festa da Empanada e Outros Produtos de Ancares para dar a benvida á primavera nun día no que o concello tamén se verá as caras nas urnas, polo que todo está da súa parte para que a festividade gastronómica sexa todo un éxito.
Os actos comezarán este sábado ás 21.00 horas da noite cunha touciñada e chourizada popular na Praza do Concello para ir facendo boca a mañá, o día grande. Tamén haberá actuación do grupo D’Caché, que poñerán ritmo á festividade a partir das 23.00 horas.
O domingo, a Festa da Empanada empezará ás 10.00 horas coa apertura dos stands, entre os que se atoparán seis panaderías, así como diversos postos de artesanía nos que se venderán dende Queixos do Cebreiro, ata mel dos Ancares ou embutidos de Navia de Suarna.
Ás 13.15 horas chegará o turno do pregón, a cargo de José Ignacio López López, exsecretario municipal, que este ano será o encargado de dar a benvida aos maios, e logo chegará o momento da música e do baile, que virá da man da Asociación Cultural Abrente de As Nogais.
Ás 17.30 horas volverá actuar o grupo Abrente xunto á asociación Airiños do Neira e, ás 19.30 horas, terá lugar a clausura da festividade montañesa.
Degustacións gratuítas
Entre a ampla variedade de empanadas que poderemos atopar alí, os asistentes terán a oportunidade de degustar en pinchos e de xeito gratuíto algunhas das da Panadería Ricardo, una das de maior sona en toda a comarca dos Ancares, que leverán dende a tradicional empanada galega de chourizo e touciño, ata a de carne, atún, polbo, zamburiñas, bacallau ou zorza, entre outras. Desta forma, o encontro será unha gran oportunidade para degustar algúns dos mellores produtos da comarca.