Esther López, fotógrafa: «É moi triste que a xente do rural teña que ir a Lugo para poder ver unha exposición»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

BARALLA

Esther López, xunto ao seu autorretrato na exposición «Hai presente».
Esther López, xunto ao seu autorretrato na exposición «Hai presente».

A artista barallense, que conta cun dos expedientes máis brillantes en artes visuais de toda Galicia, inaugura a mostra «Hai presente» en Baralla, a súa vila natal

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Esther López sempre tivo clara súa vocación. Dende ben pequena comezou a facer fotos e, aos seus 21 anos, xa pode presumir de contar cun dos expedientes máis brillantes da súa xeración tras recibir o Premio Extraordinario na categoría de Artes Plásticas e Deseño de Galicia en 2021 pola súa colección «Engurras».

Case dous anos máis tarde, a barallense opta por inaugurar a exposición «Hai presente» no colexio da súa terra natal, Baralla, ata o próximo 17 de febreiro. Trátase dunha colección con sete retratos de artistas rurais lucenses: Mirella López, escritora; Gaby Capriazo, serigrafista; Noa Casas, ilustradora; Andrea Freire, gravadora; Andrea Valle, escritora, Ismael Carcedo, músico e bailarín, e un autoretrato dela mesma.

—Que se vai atopar o público nesta exposición?

—Fixen sete retratos de artistas do rural lucense porque aquí hai moita arte, pero a xente non o sabe. Centreime na mocidade, porque son nos que menos reparamos, coma se non houbese xente xove. Todos os artistas cos que contactei son escritores, músicos, bailaríns...pero gustaríame extendelo a máis ámbitos e facer unha exposición máis grande que servise de punto de mira da mocidade rural galega da comarca, a que fai cousas por mantela viva. Eu quero poñer en valor a miña terra.

—Cando comeza o seu interese polo mundo da fotografía?

—Foi unha mistura de casualidade e cabezonería. Sabía que quería ser fotógrafa dende pequena, pero todo o mundo me botaba para atrás dicindome que isto non tiña saída, pero eu encabezoneime e quixen demostrarlles que tamén se pode vivir da túa vocación. Comecei a estudar fotografía hai catro anos na Escola Ramón Falcón en Lugo e, agora, estou facendo un curso de deseño gráfico, porque quero seguir formándome.

—De onde parte a súa inspiración?

— Sempre me inspiro no rural, porque eu estou moi orgullosa de ser de Baralla e quero poñer en valor a Montaña lucense. A xente olvidase de todo o traballo que hai detrás dos pequenos núcleos de poboación. O rural non son só vacas, a cultura tamén existe. Debemos deixar de lado os estereotipos e loitar por visibilizar todo o que temos aquí.

—Como se pode dar unha maior visibilidade á cultura do rural?

—Coas redes sociais chegas a todas partes, así que hai que aproveitalas para facer o que nos gusta sen cesidade que acudir ás urbes. Paréceme moi triste que a xente do rural teña que ir a Lugo para poder ver unha exposición. Ter a oportunidade de acceder á cultura non debería ser un privilexio, senón un dereito. A xente acostumouse a ir a Lugo para facer estas cousas, pero non me parece de recibo que non se faga máis polo rural.

—Hai futuro para os artistas do rural?

Eu quero vivir en Baralla facendo arte e cultura, e penso facelo. O meu obxectivo é demostrar que si, que aquí hai moito presente e moito futuro. Materia prima temos de sobra, o único que fai falta é que a xente se dea conta e crear máis espazos de reunión para darnos a coñecer.