¿Como soa un merlo en Vilalba ou un ferreiro que traballa en Becerreá?

María Guntín
maría guntín LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

ALBERTO LÓPEZ

Os sons da natureza, da choiva, do caudal do Miño ou do vento forman parte do mapa sonoro de Galicia

30 dic 2019 . Actualizado a las 13:24 h.

Hai sons que, ás veces, pasan desapercibidos. Sen embargo, moitas veces provocan sensacións que marcan a historia das vilas e das aldeas da provincia de Lugo. Escoitalos dun xeito distinto, centrando todos os sentidos nunha mesma melodía pode axudar a recuperar unha identidade que moitas veces pasa desapercibida ou incluso remata sendo esquecida, especialmente nas cidades. Cabe recordar que as aldeas foron durante anos -e aínda o son, as que non quedaron baleiras- foco de vida, de movemento, e de todo o cotiá. Só coñecendo as raíces se pode avanzar e saber cara a onde camiñar e por que. O proxecto foi realizado polo Consello da Cultura e en total hai máis de 500 rexistros sonoros rexistrados nun mapa interactivo de toda Galicia.

O mapa sonoro está agrupado en coleccións, seguindo tipoloxía e distribución xeográfica. Recolle lendas, falas e sons, pero tamén moitos oficios e tradicións. A través da páxina web, é posible explorar todos os sons, así como os seus espazos. Tamén é posible coñecer a diversidade cultural e paisaxística da provincia, a través de voces e sons. Todos os temas pretenden transmitir a imaxe real nos distintos recunchos de Galicia.

Ademais, é posible colaborar co Consello da Cultura, que acepta contribucións e gravacións a través de internet (http://mapasonoro.consellodacultura.gal/).

Merlos, choiva e lareiras

O son dun carro subindo, porcos comendo, o canto dun merlo, a choiva nunha eira, o lume da lareira e un zoqueiro con trade son algúns dos sons que se poden escoitar no mapa sonoro de Galicia, que percorre a provincia de Lugo e, máis concretamente, O Castro e Pardiñas, a poucos kilómetros de Guitiriz.

Ríos e contos de meigas

O proxecto tamén ofrece unha viaxe sonora polo río Miño, a través do seu caudal, dende o seu nacemento e ata a súa desembocadura. Carlos Suárez e Jesús Otero recolleron e documentaron diferentes sons da auga, e a súa interacción co resto da paisaxe. No mapa interactivo, é posible viaxar ata a confluencia dos ríos Miño e Támoga, en Cospeito. Tamén se pode chegar ata o nacemento do Miño, en Irimia.

Un conto de meigas en Castro de Rei, ó borde da N-640, que vai de Vilagarcía a A Veiga, fala da historia da dialectoloxía oral e recolle textos de distintas xeracións e falantes, rexistrados entre mediados dos anos 70 e dos 90. Un labrego de 30 anos no 1974 fala de como o seu tío visitaba nunha casa antiga a unhas mulleres que dicían ser meigas.

Toxos e follas secas

Un cazador saíu ó monte e pillou dúas perdices. O cura quíxollas comprar, mais el díxolle que tan só podía invitalo a comelas. O relixioso aceptou a ir, mais despois de dar misa. Así comeza un conto narrado por unha estudante de 14 anos e que data de decembro do ano 1974. Está capturado en Ouselle (San Cosme), en Becerreá.

Alguén roza os toxos en Santa María (O Corgo). O son é constante e ata melódico. De repente, escóitase un ruxir metálico que bate cos fieitos. Alguén afía a fouce para seguir traballando.

As follas secas do outono forman a banda sonora que da a benvida ao inverno. O son que desprenden forma parte dos sons da terra e tamén dunha identidade galega que agocha nos seus montes a esencia de Galicia.

Peneirando gran en Marei (O Corgo). O son penetra nos oídos e regálalle unha estampa moi habitual hai anos nas aldeas de provincia. Aínda se mantén, pero é máis difícil vela, e disfrutar do seu son. Baixo un ritmo constante, forma unha melodía que mestura tradición e bo facer.