
Patrimonio dos Ancares xa comunicou á Xunta os achádegos para a súa catalogación
30 nov 2020 . Actualizado a las 16:51 h.Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acabadan de documentar dúas novas mámoas nos concellos de Becerreá e Navia de Suarna, unha delas grazas á documentación antiga.
A primeira localizárona no sitio coñecido como Pena da Leira, na parroquia de Ferreirós de Valboa, no concello de Becerreá, a 850 metros de altitude, a carón do antigo camiño que comunicaba as aldeas de A Fonte do Lobo e Guillén. «Trátase dun túmulo duns 17 metros de diámetro e 1,5 de altura cuberto parcialmente de xestas. De lado a lado vense as rodeiras que hai algúns anos lle produciu un tractor. Espalladas pola mámoa vense pequenas pedras de lousa que puideron formar parte da coiraza que a recubría. No centro ten un cráter moi colmatado apenas perceptible», sinala o historiador Xabier Moure.
Este túmulo, explica, figura citado nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados o día 5 de outubro de 1752 como Medorra da Pedra da Leira que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Ferreirós de Valboa e Guillén.

A segunda mámoa que documentou o colectivo patrimonial foi no Monte do Igrexario, na parroquia de Galegos, concello de Navia de Suarna, a unha altitude de 675 metros. «Trátase dun túmulo duns 19 metros de diámetro e 1,30 metros de altura atravesado por dúas pouco profundas gabias produto dunha recente plantación de pinos. No centro apréciase un cráter de violación, moi colmatado, cun diámetro aproximado de 1,5 metros. Sobre a mámoa vense pequenas pedras de lousa que puideron formar parte da coiraza. Nas inmediacións do túmulo atópanse tres pedras, a maior de 1,25 metros de longo, que, por información recollida dun veciño, formaban parte da cámara funeraria».
Os achados xa foron comunicados á Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación. Por outra parte, a semana pasada, desde Patimonio comunicaron ao colectivo que as catro mámoas que localizaron o pasado mes de xaneiro na parroquia de Guillén, en Becerreá, despois da comprobación realizada polos arqueólogos da Xunta de Galicia, xa foron incluídas no Catálogo de bens culturais.