Están próximas a unha ruta sinalizada polo Concello entre as aldeas de Todón e San Pedro.
24 feb 2021 . Actualizado a las 13:07 h.Grazas á información facilitada por unha veciña, os membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar dúas novas mámoas no concello de Becerreá. Foi na serra de San Pedro, na parroquia de Cascallá, a 795 metros de altitude, próximas a unha ruta sinalizada polo Concello entre as aldeas de Todón e San Pedro.
O primeiro enterramento, explican, ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sobre o túmulo hai gran cantidade de pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza que o recubría. Entre a maleza vense dúas pedras de considerables dimensións que puideron formar parte do dolmen que agochaba no seu interior.
A segunda medora, de menores dimensións, ten un diámetro de 12 metros e unha altura de 0,30 metros, perdendo gran parte da masa tumular ao ampliar un camiño.
A súa antigüidade ronda os 6.000 anos
Segundo informacións, nesta penichaira había, ao menos, outras tres mámoas que foron destruídas hai décadas polos labores agrícolas e forestais.
Por outra parte, dende o Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura comunicaron ao colectivo ancarini que, despois da comprobación efectuada polos seus arqueólogos, xa catalogaron tres mámoas que documentamos no Monte Brueiras, na parroquia de Guilfrei, e outra máis no sitio da Pena da Leira, na parroquia de Ferreirós de Valboa, todas no concello de Becerreá. A localización desta última foi posible grazas á documentación antiga, no presente caso aos Interrogatorios do Catastro de Ensenada levados a cabo no ano 1752.